Actividades, Presentación

Galegos en México despois do 36

O pasado xoves 22 de maio de 2025, no Salón de actos do concello de Sada, compartimos xornada virtual con México  da man de Josefina Tomé Méndez,  filla de emigrantes alí exiliados, vogal do Ateneo Español de México. Dende Barcelona con Graciela Ortega Lorenzo, descendente de galegos e autora da novela Arroz con leche a la Veracruzana, ambientada no exilio de galegos en México. Coa AC Irmáns Suárez Picallo e o seu secretario Abel López Soto. Coa AC Eira Vella de Betanzos, representada por Pilar Vázquez Rodríguez e con Carlos Babío Urkidi, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Galegos en Mexico despois do 36

Image 1 of 7

Falouse do exilio, da represión franquista, das dificultades vividas para lograr saír do país onde estaba a producirse unha das maiores masacres da nosa historia, e sobrevivir no país de acollida, onde comezaron unha nova vida.

Queda moito por facer, por recuperar do esquecemento e ensinar ás xeracións futuras o que aconteceu neste noso país…

Aprendamos, reflexionemos, para que todo o acontecido non se repita.

Agradecemento especial tamén a Benito Portela, alcalde de Sada e ao seu equipo, polas facilidades prestadas para q esta videoconferencia se levase a cabo.

Deixámosvos tamén o vídeo da presentación dispoñíbel no canal de youtube da AC Irmáns Suárez Picallo

Actividades, Presentación

Presentación do libro Arroz con leche a la veracruzana, o exilio galego en México

O vindeiro xoves, 22 de maio de 2025, ás 18:00 horas, no Salón de Plenos sito no edificio da Avenida do Porto do Concello de Sada, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña xunto á AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, a AC Eira Vella de Betanzos e o Concello de Sada, organizan este acto con motivo da presentación do libro de Graciela Ortega Lorenzo titulado Arroz con leche a la Veracruzana unha homenaxe á cidade mexicana de Veracruz que acolleu ao exilio republicano tras o fin da guerra civil.

No acto ademais da autora, participará Josefina Tomé Méndez, vogal do Ateneo español de México (primeiro Centro de Memoria Democrática no estranxeiro).

Máis información na seguinte ligazón do espazo web da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña: https://memoriadacoruna.gal/acto-sobre-o-exilio-galego-en-mexico/

Actividades, Presentación

Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos

O 21 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos presentarán na sala azul do Edificio Arquivo, ás 20:00 horas, o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, premio Antón Losada Diéguez no ano 2022 na categoría de Investigación e Ensaio, pola súa transcendencia na recuperación da memoria democrática. O acto contará co autor Roberto Mera e a intervención do noso compañeiro Xesús Torres, escritor e investigador.

O libro, editado por Belagua Ediciones, rescata a figura do deputado republicano Alejandro Viana, figura clave na evacuación de 17.000 refuxiados republicanos desde Francia a América tras o vencemento do golpe militar que puxo fin a II República e o inicio do réxime ditatorial e a súa represión. Ao longo das súas páxinas Roberto Mera fai un retrato dos últimos dezaseis anos de vida do seu tío bisavó, un dos nomes que quedou enterrado nos silencio imposto pola ditadura e que, como tantos outros nos últimos anos, empeza a recuperar o seu lugar na memoria colectiva.

A presentación desta obra enmárcase no compromiso da AC Eira Vella por ser partícipe activo en todas as iniciativas a prol da Memoria Democrática, tan necesaria nos tempos que vivimos.

Actividades, Presentación

Presentación dos poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo

A AC Eira Vella presentará en Betanzos o vindeiro 25 de xaneiro de 2024 os poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo, ilustrados por Abraham Vila. O acto terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo e o autor estará acompañado do colectivo Gosto de Vivir a Poesía e o grupo Maraxe.

Mestre case corenta anos por diferentes localidades do país, vinculado á música tradicional a través de diferentes grupos e ao activismo social na Asociación veciñal da Agra do Orzán da Coruña coa que colabora dende fai moitos anos, Ricardo Seixo manifesta que cre na forza colectiva para o cambio, ve a poesía como unha reflexión interior que se converte en libro para xerar un debate colectivo, un instrumento de crítica necesario para a evolución e revolución social cara a unha convivencia máis xusta e igualitaria. A poesía como un medio de loita por facer real a utopía.

Un claro exemplo é un dos libros que presentará este vindeiro 25 de xaneiro. Outra volta no Rodicio é un reclamo poético a un rodicio colectivo que siga a virar para vermos de facer fariña daqueles que queren seguir a nos roubar o pan, unha reivindicación que nace da resposta á contemplación da morte dos muíños de río, nun momento nas que as grandes empresas enerxéticas, coa colaboración dos gobernos, entenden que se pode privatizar o colectivo en beneficio propio.

Agardámosvos!

Presentación

Presentación do novo libro de Lino García Salgado

O vindeiro xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo a Asociación Cultural Eira Vella contará co poeta Lino García Salgado para a presentación de Kamikaces, o seu novo poemario, publicado pola editorial Medulia.

Kamikazes defínese por unha estrutura complexa onde a musicalidade ten un compoñente esencial. Textos que transitan entre a crítica social, a ironía e unha dor que se expresa de maneira solermiña, como un regato entre as palabras.

Lino García Salgado é un dos poetas publicados na colección Xanela da poesía co seu poemario Espertar (2010). É autor tamén de Meliflua moradía (2012).

Presentación

Ricardo Seixo presenta os seus poemarios en Betanzos

Este vindeiro 31 de marzo ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, Ricardo Seixo, acompañado do grupo de música tradicional Maraxe e do colectivo Gosto de vivir a poesía, presentará os seus poemarios Sinais, Na república da intimidade e Coa luz negada.

Ricardo Seixo

Image 1 of 8

Ricardo Seixo, mestre en diversas localidades de Galiza e actualmente xubilado (en activo), formou parte de diferentes grupos de música tradicional, e hoxe coas súas fillas Sonia e Noa, anda a tecer novos textos en vellas melodías a través de Maraxe. Ademais traballa no activismo social a través da Asociación veciñal Agra, na que coordina actividades relacionadas con mundo da música e da literatura galegas, como “Polo gosto de cantar” e “Gosto de vivir a poesía”, e tamén colabora coa Fundación Eira da Xoana coordinando un obradoiro de canto tradicional.

Ademais dos poemarios que se presentarán o xoves, é autor de Ollares (2016) e Versos noctámbulos (2018).