A AC Eira Vella presentará en Betanzos o vindeiro 25 de xaneiro de 2024 os poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo, ilustrados por Abraham Vila. O acto terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo e o autor estará acompañado do colectivo Gosto de Vivir a Poesía e o grupo Maraxe.
Mestre case corenta anos por diferentes localidades do país, vinculado á música tradicional a través de diferentes grupos e ao activismo social na Asociación veciñal da Agra do Orzán da Coruña coa que colabora dende fai moitos anos, Ricardo Seixo manifesta que cre na forza colectiva para o cambio, ve a poesía como unha reflexión interior que se converte en libro para xerar un debate colectivo, un instrumento de crítica necesario para a evolución e revolución social cara a unha convivencia máis xusta e igualitaria. A poesía como un medio de loita por facer real a utopía.
Un claro exemplo é un dos libros que presentará este vindeiro 25 de xaneiro. Outra volta no Rodicio é un reclamo poético a un rodicio colectivo que siga a virar para vermos de facer fariña daqueles que queren seguir a nos roubar o pan, unha reivindicación que nace da resposta á contemplación da morte dos muíños de río, nun momento nas que as grandes empresas enerxéticas, coa colaboración dos gobernos, entenden que se pode privatizar o colectivo en beneficio propio.
Agardámosvos!