A nosa lingua está a sufrir a perda de moitos falantes. “Si perdemos a lingua non seremos ninguén”. Por iso Eira Vella sempre defenderá e estará alí onde sexa precisa a súa aportación, dende sempre e ate que as forzas o permitan e, por iso onte, na manifestación, estivemos en Compostela, onde milleiros de persoas seguen a defender a lingua e cultura do noso país. Aló vai unha pequena mostra…
O vindeiro xoves, 22 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo, a AC Eira Vella de Betanzos, coa colaboración do Concello de Betanzos, presentará o libro de Manuel Monge González Usted debería saber: La historia secuestrada de la monarquía, contanto coa presenza do autor.
Segundo a propia editora, Edicións Laiovento, o libro cuestiona se “é a democracia española unha auténtica ruptura coa ditadura ou unha sofisticada operación de continuidade?“. Manuel Monge González ofrece”un poderoso “panfleto educativo” deseñado para axitar conciencias. Lonxe da neutralidade académica, o autor constrúe un ensaio militante e exhaustivamente documentado que desmonta, feito por feito, a narrativa oficial dunha Transición modélica para revelar as fendas dun sistema construído sobre a amnesia”.
O autor”disecciona cirurxicamente a xenealoxía do poder en España, argumentando que a monarquía actual porta un “virus de orixe” ineludible: o seu establecemento por deseño directo do ditador Francisco Franco. A través dunha acumulación abrumadora de probas, a obra expón como o Xefe de Estado funcionou como a chave mestra da corrupción sistémica. Desde o saqueo fundacional do réxime franquista ata as comisións e as contas opacas de Xoán Carlos I, o libro traza un arco de cobiza e impunidade que conecta as familias da ditadura coas elites económicas e políticas actuais.”
Ademais Usted debería saber“descende ás cloacas da historia para dar voz ás vítimas silenciadas do xenocidio ideolóxico de 1936 e a posterior represión. O autor sinala inequivocamente aos herdeiros políticos e morais do réxime —identificados na “familia da dereita”, a xerarquía eclesiástica e un poder xudicial politizado— denunciando como a falta de purgas permitiu que as estruturas franquistas persistisen dentro das institucións democráticas baixo novas bandeiras. É unha dura acusación contra o sistema “atado e ben atado” que impediu a verdadeira xustiza e as reparacións durante décadas”
O vindeiro 14 de abril de 2026, ás 19:00 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda floral diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras do franquismo.
Este ano ademáis completará a efeméride o Faladoiro Pazo de Meirás. Patrimonio do Estado que terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo, a cargo de Carlos Babío Urkide, autor, xunto con Manuel Pérez Lorenzo, do libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio.
Agardámosvos un ano máis para que a memoria democrática siga viva.
A plataforma Queremos Galego xunto coas asociacións culturáis da comarca Asociación Cultural Eira Vella, Lar de Unta e Roxín Roxal organizan un acto contra a emerxencia lingüística dentro do proceso LINGUA VITAL XA! o venres 27 de febreiro de 2026, ás 20:30 horas no Salón Azul do Edificio Arquivo.
Baixo lema Acude ao punto de encontro E se todo saír ben? contará coa participación de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e a actuación musical de Mini e catro nun zoco.
O Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a homenaxe a Rosalía de Castro na conmemoración anual do seu nacemento, este ano baixo o lema “Unha voz eterna“. O acto terá lugar o venres 27 de febreiro de 2026 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 18:30 horas.
Na homenaxe deste ano contaremos coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada e a Asociación Lar de Unta.
Durante o acto lerase o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2026 redactado nesta ocasión por Eva Veiga baixo o título Mais eles tamén perdidos, que podedes ler completo na seguinte ligazón.
O pasado 11 de decembro de 2025 na sala Azul do Edificio Arquivo a Asociación Cultural Eira Vella presentou a publicación Castelao e Betanzos no marco do Ano Castelao e coa presenza na mesa de Xesús Torres e Pilar García Negro que abordou a vixencia do pensamento do intelectual galego no século XXI.
A publicación Castelao e Betanzos recolle unha compilación de artigos, cartas e debuxos do autor vinculados á cidade, na que, segundo explica Xesús Torres, nunca chegou a participar en ningún acto pero coa que forxou un vencello a través da emigración e moi particularmente do Centro Betanzos.
Deixamos aquí algunhas imaxes e unha pequena escolma da prensa que estes días se fixo eco do acto
Escolma prensa
Image 1 of 11
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies