Presentación

Presentación do libro Usted debería saber: La historia secuestrada de la monarquía

O vindeiro xoves, 22 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo, a AC Eira Vella de Betanzos, coa colaboración do Concello de Betanzos, presentará o libro de Manuel Monge González Usted debería saber: La historia secuestrada de la monarquía, contanto coa presenza do autor.

Segundo a propia editora, Edicións Laiovento, o libro cuestiona se “é a democracia española unha auténtica ruptura coa ditadura ou unha sofisticada operación de continuidade?. Manuel Monge González ofrece”un poderoso “panfleto educativo” deseñado para axitar conciencias. Lonxe da neutralidade académica, o autor constrúe un ensaio militante e exhaustivamente documentado que desmonta, feito por feito, a narrativa oficial dunha Transición modélica para revelar as fendas dun sistema construído sobre a amnesia”.

O autor”disecciona cirurxicamente a xenealoxía do poder en España, argumentando que a monarquía actual porta un “virus de orixe” ineludible: o seu establecemento por deseño directo do ditador Francisco Franco. A través dunha acumulación abrumadora de probas, a obra expón como o Xefe de Estado funcionou como a chave mestra da corrupción sistémica. Desde o saqueo fundacional do réxime franquista ata as comisións e as contas opacas de Xoán Carlos I, o libro traza un arco de cobiza e impunidade que conecta as familias da ditadura coas elites económicas e políticas actuais.”

Ademais Usted debería saber “descende ás cloacas da historia para dar voz ás vítimas silenciadas do xenocidio ideolóxico de 1936 e a posterior represión. O autor sinala inequivocamente aos herdeiros políticos e morais do réxime —identificados na “familia da dereita”, a xerarquía eclesiástica e un poder xudicial politizado— denunciando como a falta de purgas permitiu que as estruturas franquistas persistisen dentro das institucións democráticas baixo novas bandeiras. É unha dura acusación contra o sistema “atado e ben atado” que impediu a verdadeira xustiza e as reparacións durante décadas”

Agardámosvos!

Actividades, Presentación

Presentación dos poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo

A AC Eira Vella presentará en Betanzos o vindeiro 25 de xaneiro de 2024 os poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo, ilustrados por Abraham Vila. O acto terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo e o autor estará acompañado do colectivo Gosto de Vivir a Poesía e o grupo Maraxe.

Mestre case corenta anos por diferentes localidades do país, vinculado á música tradicional a través de diferentes grupos e ao activismo social na Asociación veciñal da Agra do Orzán da Coruña coa que colabora dende fai moitos anos, Ricardo Seixo manifesta que cre na forza colectiva para o cambio, ve a poesía como unha reflexión interior que se converte en libro para xerar un debate colectivo, un instrumento de crítica necesario para a evolución e revolución social cara a unha convivencia máis xusta e igualitaria. A poesía como un medio de loita por facer real a utopía.

Un claro exemplo é un dos libros que presentará este vindeiro 25 de xaneiro. Outra volta no Rodicio é un reclamo poético a un rodicio colectivo que siga a virar para vermos de facer fariña daqueles que queren seguir a nos roubar o pan, unha reivindicación que nace da resposta á contemplación da morte dos muíños de río, nun momento nas que as grandes empresas enerxéticas, coa colaboración dos gobernos, entenden que se pode privatizar o colectivo en beneficio propio.

Agardámosvos!