Actividades, Presentación

Galegos en México despois do 36

O pasado xoves 22 de maio de 2025, no Salón de actos do concello de Sada, compartimos xornada virtual con México  da man de Josefina Tomé Méndez,  filla de emigrantes alí exiliados, vogal do Ateneo Español de México. Dende Barcelona con Graciela Ortega Lorenzo, descendente de galegos e autora da novela Arroz con leche a la Veracruzana, ambientada no exilio de galegos en México. Coa AC Irmáns Suárez Picallo e o seu secretario Abel López Soto. Coa AC Eira Vella de Betanzos, representada por Pilar Vázquez Rodríguez e con Carlos Babío Urkidi, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Galegos en Mexico despois do 36

Image 1 of 7

Falouse do exilio, da represión franquista, das dificultades vividas para lograr saír do país onde estaba a producirse unha das maiores masacres da nosa historia, e sobrevivir no país de acollida, onde comezaron unha nova vida.

Queda moito por facer, por recuperar do esquecemento e ensinar ás xeracións futuras o que aconteceu neste noso país…

Aprendamos, reflexionemos, para que todo o acontecido non se repita.

Agradecemento especial tamén a Benito Portela, alcalde de Sada e ao seu equipo, polas facilidades prestadas para q esta videoconferencia se levase a cabo.

Deixámosvos tamén o vídeo da presentación dispoñíbel no canal de youtube da AC Irmáns Suárez Picallo

Actividades, Presentación

Presentación do libro Arroz con leche a la veracruzana, o exilio galego en México

O vindeiro xoves, 22 de maio de 2025, ás 18:00 horas, no Salón de Plenos sito no edificio da Avenida do Porto do Concello de Sada, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña xunto á AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, a AC Eira Vella de Betanzos e o Concello de Sada, organizan este acto con motivo da presentación do libro de Graciela Ortega Lorenzo titulado Arroz con leche a la Veracruzana unha homenaxe á cidade mexicana de Veracruz que acolleu ao exilio republicano tras o fin da guerra civil.

No acto ademais da autora, participará Josefina Tomé Méndez, vogal do Ateneo español de México (primeiro Centro de Memoria Democrática no estranxeiro).

Máis información na seguinte ligazón do espazo web da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña: https://memoriadacoruna.gal/acto-sobre-o-exilio-galego-en-mexico/

Homenaxe

Día da República: ofrenda ás vítimas da represión

O día 12 de abril de 2024, ás 19:30 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras da represión do 36.

Actividades

IV Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide

A AC Eira Vella uniuse ao apoio á IV Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide que tivo lugar onte, 11 de novembro de 2023, saíndo ás 12 horas da Praza de María Pita e percorrendo o camiño ata chegar á Casa Cornide.

Dende aquí queremos compartir o momento da chegada da marcha cívica para a lectura do manifesto así como o seu texto íntegro.

MANIFESTO

O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, que aínda non se presentou despois de 50 meses.

A Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio.

O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.

A Xunta declaraba BIC a Casa Cornide, pero despois de sete meses segue pechada e en propiedade da familia Franco. Como dicía Manuel Rivas na lectura do manifesto da II Marcha: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”.

A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de  xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.

Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa.

O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade solicitar ao concello da Coruña que retire a Sergio Peñamaría as distincións que ten na nosa cidade. Sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Peñamaría ao fronte dunha Bandeira da Lexión, o Pleno dese concello aprobaba, tamén por unanimidade e a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, pedir ao concello da Coruña que a actual rúa Alcalde Peñamaría leve o nome de Mártires de Valdeorras.

ESIXIMOS AO CONCELLO DA CORUÑA:

– Que presente en novembro de 2023 demanda no xulgado para recuperar a propiedade da Casa Cornide.

– Que inste á Xunta, conseguida a declaración de BIC após a mobilización cívica,  a que obrigue á familia Franco antes de que acabe 2023 a cumprir o que recolle a lei: apertura da Casa Cornide catro días ao mes, como mínimo, e catro horas cada día.

– Que se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retirada  de rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

– Que se execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO

RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE

Homenaxe

Día da República: homenaxe ás vítimas da represión

O día 14 de abril de 2023, ás 19:00 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a homenaxe diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras da represión do 36.

Na homenaxe non faltará, como ven sendo habitual, a música e a poesía.

Agardamos a vosa presenza.

Viva a República!

Actividades, Presentación, Xornadas Conferencias

Camarada Fraga

O pasado 3 de marzo, ás 20:00 horas a AC Eira Vella proxectou na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos o documental Camarada Fraga, audiovisual de Daniel Carballada.

No acto contamos coa participación de Manuel Monge, Beatriz Gómez e Natalia San Vicente.

Achegamos algunhas das imaxes que nos deixou o acto.

04-Camarada-Fraga

Image 1 of 4