Quen somos?

A Asociación Cultural Eira Vella botou a andar a finais do ano 1992 co obxectivo de “promover a normalización da lingua e da cultura galega, así como de fomentar a cultura, a ciencia, as artes, a educación e outras materias análogas”, intentando con isto darlle pulo á cultura local en espazos que ata o momento non foran de todo cubertos.

Desde o noso primeiro acto público, no que tivemos a honra de contar co poeta galego Manuel María como padriño, ata o día de hoxe percorremos un longo camiño que conseguiu abrirnos un oco na vida cultural da comarca.

A nosa actividade foi continua e moi ampla, intentamos que ningunha manifestación cultural quedara fóra da nosa área de traballo, desde a literatura ata o cine, pasando pola música ou a pintura, e desde a recuperación do patrimonio ata a lingua, o folclore ou a ecoloxía … Temos organizado exposicións, presentacións de libros, recitais poéticos, ciclos de cine, conferencias, mesas redondas, xornadas, actuacións musicais, roteiros…

Outra faceta importantísima é a editorial: Eira Vella dispón dunha consolidada biblioteca propia de xeneros variados.

Pero sen dúbida a xoia das publicación é A Xanela, Revista Cultural das Mariñas. A Xanela, coordinada por Xesús Torres Regueiro, e que naceu como un suplemento cultural dentro dun xornal local, axiña pasou a ter entidade propia co formato co que hoxe en día a coñecemos.

As súas páxinas serven de escaparate a escritores, estudosos do patrimonio galego físico e espiritual, artistas gráficos, autodidactas de diversas disciplinas… prestando unha especial atención á comarca pero dando acollida a voces de toda Galiza e mesmo de fóra de Galiza, con un espazo propio para os nosos veciños portugueses.