Blog

Actividades, Publicacións

Presentación da publicación Castelao e Betanzos

O pasado 11 de decembro de 2025 na sala Azul do Edificio Arquivo a Asociación Cultural Eira Vella presentou a publicación Castelao e Betanzos no marco do Ano Castelao e coa presenza na mesa de Xesús Torres e Pilar García Negro que abordou a vixencia do pensamento do intelectual galego no século XXI.

A publicación Castelao e Betanzos recolle unha compilación de artigos, cartas e debuxos do autor vinculados á cidade, na que, segundo explica Xesús Torres, nunca chegou a participar en ningún acto pero coa que forxou un vencello a través da emigración e moi particularmente do Centro Betanzos.

Deixamos aquí algunhas imaxes e unha pequena escolma da prensa que estes días se fixo eco do acto

Escolma prensa

Image 1 of 11

Actividades

Ano Castelao 2025

Como acto de clausura das actividades enmarcadas dentro da programación do Ano Castelao 2025 o Concello de Betanzos, coa participación da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, o CPR Nuestra Señora del Carmen, As Mariñas, a Agrupación Musical Carlos Seijo, a SGCDX Lar de Unta e a AC Eira Vella organizou a lectura pública dalgúns dos seus textos máis coñecidos.

Lectura textos Castelao

Image 1 of 22

Exposicións

Exposición de caricaturas de Antonio Palla

Durante o mes de setembro de 2025, entre os días 5 e 30, terá lugar na sala de exposicións Jesús Núñez do edificio Arquivo unha exposición de caricaturas do artista betanceiro Antonio Palla.

A Asociación Cultural Eira Vella organiza esta mostra, coa colaboración do Concello de Betanzos, que se poderá visitar en horarios de 10:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas de martes a venres, e de 11:30 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 horas os sábados. A inauguración da mesma terá lugar o venres 5 de setembro de 2025 ás 20:00 horas.

Antonio Palla compaxinou o seu labor docente, do que está xubilado, con diversas actividades artísticas, entre as que destaca principalmente a caricatura. Neste eido artístico traballou durante tres anos, entre 1987 e 1980, para o xornal coruñés El Ideal Gallego. Ao longo da súa vida calcula que terá realizado arredor de medio millar de caricaturas.

Palla colaborou ininterrumpidamente durante vintedous anos –entre 1979 e 2000– no pintado do globo de San Roque con viñetas humorísticas e caricaturas. Reanudou a súa colaboración en 2022 e tamén no 2024 e voltou facelo no deste ano. En total son case un centenar os cuarteróns ilustrados por el.

Outras actividades artísticas súas son os deseños para alfombras florais do Corpus Christi na vila de Ares, a realización de dous grandes murais en edificios públicos de Cesuras, carteis para as festas de San Roque e outros eventos, ilustracións para varios libros, folletos e revistas, realizacións de gravados, anagramas, emblemas de entidades, etiquetas comerciais, marcapáxinas, etc.

Participou en exposicións colectivas en Betanzos, en varias localidades de Galicia e España e en Buenos Aires. Individualmente, realizou dúas exposicións, ambas en Betanzos. En 1986 a de “Caricaturas de betanceiros” e en 1990 unha “Exposición retrospectiva”. A presente é a terceira exposición individual e chega trinta e nove anos despois da primeira.

Actividades, Presentación

Galegos en México despois do 36

O pasado xoves 22 de maio de 2025, no Salón de actos do concello de Sada, compartimos xornada virtual con México  da man de Josefina Tomé Méndez,  filla de emigrantes alí exiliados, vogal do Ateneo Español de México. Dende Barcelona con Graciela Ortega Lorenzo, descendente de galegos e autora da novela Arroz con leche a la Veracruzana, ambientada no exilio de galegos en México. Coa AC Irmáns Suárez Picallo e o seu secretario Abel López Soto. Coa AC Eira Vella de Betanzos, representada por Pilar Vázquez Rodríguez e con Carlos Babío Urkidi, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Galegos en Mexico despois do 36

Image 1 of 7

Falouse do exilio, da represión franquista, das dificultades vividas para lograr saír do país onde estaba a producirse unha das maiores masacres da nosa historia, e sobrevivir no país de acollida, onde comezaron unha nova vida.

Queda moito por facer, por recuperar do esquecemento e ensinar ás xeracións futuras o que aconteceu neste noso país…

Aprendamos, reflexionemos, para que todo o acontecido non se repita.

Agradecemento especial tamén a Benito Portela, alcalde de Sada e ao seu equipo, polas facilidades prestadas para q esta videoconferencia se levase a cabo.

Deixámosvos tamén o vídeo da presentación dispoñíbel no canal de youtube da AC Irmáns Suárez Picallo

Actividades, Presentación

Presentación do libro Arroz con leche a la veracruzana, o exilio galego en México

O vindeiro xoves, 22 de maio de 2025, ás 18:00 horas, no Salón de Plenos sito no edificio da Avenida do Porto do Concello de Sada, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña xunto á AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, a AC Eira Vella de Betanzos e o Concello de Sada, organizan este acto con motivo da presentación do libro de Graciela Ortega Lorenzo titulado Arroz con leche a la Veracruzana unha homenaxe á cidade mexicana de Veracruz que acolleu ao exilio republicano tras o fin da guerra civil.

No acto ademais da autora, participará Josefina Tomé Méndez, vogal do Ateneo español de México (primeiro Centro de Memoria Democrática no estranxeiro).

Máis información na seguinte ligazón do espazo web da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña: https://memoriadacoruna.gal/acto-sobre-o-exilio-galego-en-mexico/

Homenaxe

Día da República: ofrenda floral ás vítimas do franquismo en imaxes

Ofrenda floral no Día da República no monolito da Madalena

Image 1 of 11

Sirva a presenza da placa situada na entrada do Museo das Mariñas e esta ofrenda floral que recorda ás vítimas betanceiras do franquismo para, dende a nosa Historia local, recordarnos que non debemos nin podemos mirar para outro lado perante ás vítimas das guerras e a opresión e para ter presentes a todas aquelas persoas que dende o exilio forzoso loitan cos seus testemuños únicos por manter a memoria viva, como a mantiveron os betanceiros exiliados na Arxentina.

Nestes tempos de ameaza global no que asistimos a silencios impensables, precisamos a memoria e os seus instrumentos máis visibles e vivos que nunca.

Actividades, Homenaxe

Día da República: ofrenda floral ás vítimas do franquismo

O vindeiro 14 de abril de 2025, ás 19:30 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda floral diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras do franquismo.

O acto contará coa lectura de poemas e virá acompañado de música.

Agardámosvos un ano máis para que a memoria democrática siga viva.

Actividades

Proxección do filme Julia de Jacobo Lagüela Castro en imaxes

Proxección do filme Julia. Fotografía da autoría de Marcos Rodríguez

Image 1 of 24

Reportaxe completa da proxección de Julia na páxina web do fotógrafo Marcos Rodríguez, ao que agradecemos a súa presenza e a súa visión única do evento:

https://marcosrodrguez.pic-time.com/-juliapresentacinbetanzos/gallery

Actividades

Proxección do filme Julia de Jacobo Lagüela Castro

O 28 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e BAM Betanzos, coa colaboración do Concello de Betanzos proxectarán no cine Alfonsetti, ás 20:00 horas, o filme Julia, do director chairego Jacobo Lagüela Castro.

Con ritmo pausado, o director, emigrado en Bristol, gravou ao longo de oito anos durante as súas visitas á casa familiar en Vilalba (Lugo) á súa avoa Julia, unha muller de 87 anos, para ofrecer un testemuño directo e íntimo da vida dunha muller do rural que asiste a extinción de todo un mundo. O filme, que recibiu o Premio do Público e o Premio do Xurado na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo e participou na Sección oficial do Festival de Cine de Ourense e noutros festivais internacionais, percorre momentos da vida familiar e da veciñanza reivindicando o traballo da muller labrega e a ollada necesaria cara ás raíces.

A proxección contará coa presenza de Jacobo Lagüela Castro que compartirá a súa experiencia no coloquio que acompañará ao filme e no que vos convidamos a participar.

Actividades, Presentación

Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos

O 21 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos presentarán na sala azul do Edificio Arquivo, ás 20:00 horas, o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, premio Antón Losada Diéguez no ano 2022 na categoría de Investigación e Ensaio, pola súa transcendencia na recuperación da memoria democrática. O acto contará co autor Roberto Mera e a intervención do noso compañeiro Xesús Torres, escritor e investigador.

O libro, editado por Belagua Ediciones, rescata a figura do deputado republicano Alejandro Viana, figura clave na evacuación de 17.000 refuxiados republicanos desde Francia a América tras o vencemento do golpe militar que puxo fin a II República e o inicio do réxime ditatorial e a súa represión. Ao longo das súas páxinas Roberto Mera fai un retrato dos últimos dezaseis anos de vida do seu tío bisavó, un dos nomes que quedou enterrado nos silencio imposto pola ditadura e que, como tantos outros nos últimos anos, empeza a recuperar o seu lugar na memoria colectiva.

A presentación desta obra enmárcase no compromiso da AC Eira Vella por ser partícipe activo en todas as iniciativas a prol da Memoria Democrática, tan necesaria nos tempos que vivimos.

Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2025: Da túa man… Rosalía

Un ano máis, o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Da túa man… Rosalía“, que terá lugar o vindeiro venres 21 de febreiro de 2025 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 18:30 horas.

Na homenaxe deste ano contaremos coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e a Agrupación musical Carlos Seijo.

Durante o acto lerase o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025 redactado nesta ocasión por Marga do Val, que podedes ler completo na seguinte ligazón.

#_rdc2025 #SaudeeTerra!

Agardámosvos!

Actividades

Mohamed Safa: Ocupación e xenocidio en Palestina

O venres 31 de xaneiro de 2025 ás 20:00 horas no Salón Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, contaremos con Mohamed Safa para falar sobre a ocupación e o xenocidio en Palestina.

Mohamed Safa, licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e especializado en Oftalmoloxía en Oviedo, leva facendo boa parte da súa vida na Galiza pero sen abandonar nunca o seu activismo en favor da loita polos dereitos do seu pobo. Neste sentido, ademais de impulsar todo tipo de iniciativas para dar visibilidade á causa palestina, é tamén autor de libros como Palestina, grito por la libertad (Do Castro, 2003), La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión (Hoja de Lata, 2017) e La segunda nakba palestina: El proceso de paz (2020).

O acto, organizado pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do Concello de Betanzos e a subvención da Deputación da Coruña, contará tamén coa música solidaria de Bea a de Estrella.

Actividades

Roteiro das Irmandades da Fala en imaxes

O pasado 30 de novembro de 2024 organizouse o Roteiro das Irmandades da Fala das que vos compartimos algunhas imaxes.

Roteiro das Irmandades da Fala

Image 1 of 19

Tamén vos convidamos a visitar a galería de imaxes de El Ideal Gallego na seguinte ligazón: https://www.elidealgallego.com/albums/view/113032/ruta-as-irmandades-da-fala-organizado-alexandre-boveda

Actividades, Homenaxe

Roteiro das Irmandades da Fala

O vindeiro sábado, 30 de novembro de 2024, ás 17:00 horas, o Roteiro das Irmandades da Fala percorrerá a cidade da Coruña e os espazos nos que deixou a súa pegada. O Roteiro sairá do Instituto Eusebio da Guarda e durante hora e media lembrarase a persoeiros como Johán Vicente Viqueira, Primeiro Conselleiro da Irmandade da Coruña; Manuel Lugrís Freire, protagonista dun dos primeiros mitins en galego (1907) e autor dunha gramática na nosa lingua; Álvaro Cebreiro, figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, e autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’; María Miramontes e Ánxel Casal e o seu traballo na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré). O roteiro incluirá tamén ao Teatro Rosalía no que se fará unha pequena lembranza do teatro das Irmandades e o Rego de Auga 38, sede da Academia, onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades da man dos irmáns Vilar Ponte.

O Roteiro está organizado polas seguintes entidades: AC Alexandre Bóveda, ACLP Roxín Roxal, AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo, Lar de Unta, CPI Cruz do Sar, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, Proxecto Pesquedellas, Zona Hadal, Rede Cultural Betanzos e Bisbarra.

Non é necesaria a inscrición e pódese consultar toda a información na seguinte ligazón: https://acalexandreboveda.gal/event/roteiro-das-irmandades/

Esperámosvos!

Actividades, Homenaxe, imaxes

Visita guiada Quinta do Cortón en imaxes

O pasado 22 de outubro de 2024, dentro do programa de actos de homenaxe que están tendo lugar na comarca, no centenario do pasamento de Johán Vicente Viqueira, organizouse un roteiro guiado por Xesús Torres pola finca da Quinta do Cortón e das que vos compartimos algunhas imaxes.

Homenaxe a Johán Vicente Viqueira: Visita guiada pola Quinta do Cortón

Image 1 of 13

Actividades, Homenaxe

Aniversario nacemento Johán Vicente Viqueira

Aos cen anos da súa morte lembramos hoxe, 22 de outubro, o nacemento de Johán Vicente Viqueira (1886-1924), mariñán destacado no eido da cultura e das letras galegas.

As persoas interesadas na vida e obra deste ilustre bergondés poden acceder á conferencia impartida polo noso compañeiro de Eira Vella Xesús Torres no ciclo de conferencias do Anuario Brigantino en 2014, nos seguintes enlaces, xa que está repartida en tres tramos:

Actividades

Liberdade para o galego

A Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Asociación Cultural Eira Vella, en colaboración co Concello de Betanzos e a axuda da Deputación da Coruña, organizan este vindeiro venres, 18 de outubro de 2024, unha serie de actos en torno á lingua galega e a súa preocupante situación actual.

Ás 18:00 horas emitirase en liña e en directo, na canle de Youtube da ACLP Roxín Roxal, así como a través da súa conta de Facebook e Twitch (acpl_roxinroxal), o encontro Emerxencia Lingüística Extrema na que Marcos Maceira e Elsa Quintas, Presidente e Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística respectivamente, serán entrevistados por Daniel Seixo para analizar a grave situación do galego evidenciada na publicación dos últimos datos do Instituto Galego de Estadística sobre a lingua.

Ás 20:00 horas, no Salón azul Edificio Liceo Arquivo do Antigo Reino de Galicia de Betanzos, os dous entrevistados, acompañados polo profesor e escritor Miguel Rodríguez Carnota, presentarán o libro da súa autoría Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua editado por Edicións Laiovento.

O acto pecharase coa actuación musical de Tres nun zoco, con Mini, Iria e Navia Rivas.

Actividades, Xornadas Conferencias

Palestra sobre a Palestina insubmisa

O vindeiro 3 de outubro de 2024 ás 20:00 horas no Edificio Arquivo do Reino de Betanzos, a AC Eira Vella organiza a palestra sobre a Palestina insubmisa: Un ano de resistencia ante o xenocidio sinoista na que participaran Neal Baxter de Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e A. Bieito Lorenzo Penela da propia AC Eira Vella.

Desta maneira a AC Eira Vella únese ás voces que dende Galiza se alzan contra o xenocidio do pobo palestino e que se xuntarán nunha soa o vindeiro 6 de outubro ás 12:00 horas na Alameda de Compostela na manifestación nacional Galiza con Palestina organizada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina e da que se pode consultar toda a información na seguinte ligazón: https://porpalestina.org/evento/galicia-6-octubre-manifestacion-y-autobus-para-ir/.

Dende o río ata o mar, Palestina vencerá! 🇵🇸

Actividades, Homenaxe

Actos de homenaxe a Johán Vicente Viqueira na canle de Youtube da ACLP Roxin Roxal

Para todas e todos os que non puidestes asistir ou queirades volver a vivir o momento, na canle de Youtube da ACLP Roxin Roxal atópase dispoñible o acto de homenaxe co que as entidades culturais da comarca lembraron ao intelectual Johán Vicente Viqueira no centenario do seu falecemento .

Tamén se atopa dispoñible a Mesa Redonda Johan Vicente Viqueira (1886 – 1924) Vida, obra e permanência nos 100 anos do seu passamento organizada tamén pola ACLP Roxin Roxal e na que contaron co noso compañeiro da AC Eira Vella, Xesús Torres.

Actividades, Homenaxe

Homenaxe a Johán Vicente Viqueira

No centenario do falecemento de Johán Vicente Viqueira diversas asociacións culturais da comarca, entre elas a AC Eira Vella, únense para recordalo nunha homenaxe e ofrenda floral no cemiterio de Ouces, nun acto público aberto que terá lugar o xoves, 29 de agosto de 2024, ás 19:00 horas.

O acto incluirá a lectura de textos escolmados do pensamento e obra do autor, así como interpretacións musicais e outras actividades transmisoras do espírito viqueiriano.

Doutra banda, o noso compañeiro, Xesús Torres, participará tamén na Mesa Redonda Johan Vicente Viqueira (1886 – 1924) Vida, obra e permanência nos 100 anos do seu passamento, que se emitirá o 27 de agosto de 2024, ás 19:00 horas nos canais ACLP Roxin Roxal Youtube e Facebook.

Agardámosvos!

Publicacións

Romarías das Mariñas, o novo libro de Xosé María Veiga Ferreira

Dende a Asociación Cultural Eira Vella queremos dar os nosos parabéns ao compañeiro Xosé María Veiga Ferreira que ven de publicar o seu novo libro Romarías das Mariñas, editado pola Fundación Luis Monteagudo. Nesta obra o historiador percorre boa parte das romarías de carácter relixioso da comarca, algunhas delas xa extintas e outras aínda vivas.

O libro, cunha adicatoria a Xulio Cuns, outra persoa benquerida desta Asociación, é froito tanto da investigación documental como dun importante traballo de campo, e moi ben complementado con mapas, imaxes e curiosidades que axudan a achegarse a fondo a estas manifestacións colectivas transcendentais no patrimonio cultural popular da zona.

Parabéns e moitos éxitos!

Homenaxe

Día da República: ofrenda ás vítimas da represión

O día 12 de abril de 2024, ás 19:30 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras da represión do 36.

Homenaxe

Día de Rosalía 2024

Aquí vos deixamos algunhas imaxes da Homenaxe “Rosalía, pensando en ti“, que tivo lugar o pasado 23 de febreiro de 2024 e no que participaron o alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e Colectivo feminista das Mariñas.

Rosalía, pensando en ti

Image 1 of 8

Moitas grazas a todas e todos os que nos acompañastes neste día!

Homenaxe

Día de Rosalía 2024: Pensando en ti, Rosalía

O Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Rosalía, pensando en ti“, que terá lugar o vindeiro venres 23 de febreiro de 2024 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 19:00 horas.


Na homenaxe deste ano contaremos coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e Colectivo feminista das Mariñas.

“Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois”. Así comeza o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024, que podedes ler completo na seguinte ligazón.

Agardámosvos!

Homenaxe

Lembranza do artista Jesús Núñez

No pasado mes de outubro faleceu con 96 anos o artista betanceiro Jesús Núñez e hai uns días, ao abrirse o seu testamento, soubose que deixara á cidade de Betanzos (da que era Fillo Predilecto) a súa parte na Fundación CIEC e no edificio que a alberga, así como toda a súa obra que permanecía no seu poder.

En Eira Vella queremos lembrar a súa colaboración con nós, cedéndonos desinteresadamente a reprodución de gravados seus para ilustrar as portadas de tres publicacións editadas pola asociación. Trátase dos poemarios “Vizoño”, de Maxi Rei (2006), e “Elemental”, de Gabriela Rodríguez (2007), así como da publicación que recolle en facsímile o suplemento cultural “A Xanela” que se encartaba no periódico “Betanzos y su comarca” (2018).

Betanzos medrou con el en arte e cultura.

Máis información sobre Jesús Núñez e a Fundación CIEC en http://www.jesusnunezciec.com/

Actividades, Presentación

Presentación dos poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo

A AC Eira Vella presentará en Betanzos o vindeiro 25 de xaneiro de 2024 os poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo, ilustrados por Abraham Vila. O acto terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo e o autor estará acompañado do colectivo Gosto de Vivir a Poesía e o grupo Maraxe.

Mestre case corenta anos por diferentes localidades do país, vinculado á música tradicional a través de diferentes grupos e ao activismo social na Asociación veciñal da Agra do Orzán da Coruña coa que colabora dende fai moitos anos, Ricardo Seixo manifesta que cre na forza colectiva para o cambio, ve a poesía como unha reflexión interior que se converte en libro para xerar un debate colectivo, un instrumento de crítica necesario para a evolución e revolución social cara a unha convivencia máis xusta e igualitaria. A poesía como un medio de loita por facer real a utopía.

Un claro exemplo é un dos libros que presentará este vindeiro 25 de xaneiro. Outra volta no Rodicio é un reclamo poético a un rodicio colectivo que siga a virar para vermos de facer fariña daqueles que queren seguir a nos roubar o pan, unha reivindicación que nace da resposta á contemplación da morte dos muíños de río, nun momento nas que as grandes empresas enerxéticas, coa colaboración dos gobernos, entenden que se pode privatizar o colectivo en beneficio propio.

Agardámosvos!

Actividades

IV Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide

A AC Eira Vella uniuse ao apoio á IV Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide que tivo lugar onte, 11 de novembro de 2023, saíndo ás 12 horas da Praza de María Pita e percorrendo o camiño ata chegar á Casa Cornide.

Dende aquí queremos compartir o momento da chegada da marcha cívica para a lectura do manifesto así como o seu texto íntegro.

MANIFESTO

O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, que aínda non se presentou despois de 50 meses.

A Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio.

O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.

A Xunta declaraba BIC a Casa Cornide, pero despois de sete meses segue pechada e en propiedade da familia Franco. Como dicía Manuel Rivas na lectura do manifesto da II Marcha: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”.

A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de  xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.

Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa.

O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade solicitar ao concello da Coruña que retire a Sergio Peñamaría as distincións que ten na nosa cidade. Sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Peñamaría ao fronte dunha Bandeira da Lexión, o Pleno dese concello aprobaba, tamén por unanimidade e a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, pedir ao concello da Coruña que a actual rúa Alcalde Peñamaría leve o nome de Mártires de Valdeorras.

ESIXIMOS AO CONCELLO DA CORUÑA:

– Que presente en novembro de 2023 demanda no xulgado para recuperar a propiedade da Casa Cornide.

– Que inste á Xunta, conseguida a declaración de BIC após a mobilización cívica,  a que obrigue á familia Franco antes de que acabe 2023 a cumprir o que recolle a lei: apertura da Casa Cornide catro días ao mes, como mínimo, e catro horas cada día.

– Que se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retirada  de rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

– Que se execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO

RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE

Homenaxe

Federico García Lorca en Galiza

Tal día coma hoxe, 25 de outubro, do ano 1916, o poeta Federico García Lorca chegaba a Galiza, iniciando unha relación de amor coa nosa terra que culminou na súa obra Seis poemas galegos.

Catedral de Santiago

Image 1 of 6

Queremos lembrar esta visita coa fermosa adaptación do poema Chove en Santiago que fixo Luar na Lubre e que interpretou na mesma Praza de Quintana, xunto á Catedral de Santiago de Compostela, o 31 de xullo de 2012.

Actividades, Homenaxe

Eira Vella celebrou a ofrenda ás vítimas de 1936

A A.C. Eira Vella celebrou o pasado 14 de abril, conmemoración da proclamación da II República, a ofrenda que ven realizando dende 2007 en lembranza das vítimas betanceiras do golpe militar do 18 de xullo de 1936 diante da placa colocada na súa lembranza á entrada do Museo das Mariñas.

Esta ofrenda é a primeira tamén que se realiza despois da aprobación polo Parlamento español da Lei de Memoria Democrática (publicada no BOE de 20 de octubre) que sustitúe a de 2007. Neste sentido, o representante de Eira Vella que presentou a ofrenda lembrou que seis meses despois da aprobación desta lei o Concello de Betanzos non adoptou aínda nin anunciou ou apoiou ningunha iniciativa nese sentido para o seu cumprimento.

Segundo o especialista Manuel Monge, autor do libro “Os restos do Franquismo en Galiza,  quen participou nun acto organizado por Eira Vella a principios de marzo, aludindo á simboloxía franquista que queda por retirar en Betanzos, cifrábaa en 16 casos, entre placas, nomes de rúas e distincións honoríficas outorgadas a persoas vencelladas á Ditadura. Entre estes, está o da rúa onde se celebra anualmente a ofrenda, dedicada a unha persoa que foi presidente da Deputación coruñesa dende 1939 a 1950 (os anos máis duros do franquismo), morrendo no exercicio do cargo, e ademais Procurador nas Cortes Franquistas entre 1946 e 1949. Eira Vella manifestou o desexo de que en vindeiras ofrendas a rúa ostente un novo nome máis acorde cos tempos democráticos que vivimos.

Na ofrenda floral, poética e musical participaron diversas persoas lendo textos e poemas e interpretáronse o himno de Riego e a marcha do Antigo Reino de Galiza. Deixámosvos aquí algunhas imaxes do acto.

Himno Riego e Marcha do Antigo Reino de Galiza

Image 1 of 10

Homenaxe

Día da República: homenaxe ás vítimas da represión

O día 14 de abril de 2023, ás 19:00 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a homenaxe diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras da represión do 36.

Na homenaxe non faltará, como ven sendo habitual, a música e a poesía.

Agardamos a vosa presenza.

Viva a República!

Actividades, Presentación, Xornadas Conferencias

Camarada Fraga

O pasado 3 de marzo, ás 20:00 horas a AC Eira Vella proxectou na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos o documental Camarada Fraga, audiovisual de Daniel Carballada.

No acto contamos coa participación de Manuel Monge, Beatriz Gómez e Natalia San Vicente.

Achegamos algunhas das imaxes que nos deixou o acto.

04-Camarada-Fraga

Image 1 of 4

Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2023

Rosalía na nosa voz, Día de Rosalía AC Eira Vella 2023

Con Rosalía na nosa voz, a AC Eira Vella recupera o tradicional recital dos poemas da poeta galega que viña organizando anualmente para conmemorar o seu nacemento.

Nesta ocasión, o acto terá lugar o venres, 24 de febreiro de 2023, ás 19:30 horas na sala Azul do Edificio Arquivo.

Na homenaxe a Rosalía, Eira Vella conta coa colaboración de BAM Betanzos (Biblioteca municipal Castelao, Arquivo municipal de Betanzos e Museo das Mariñas) e do Concello de Betanzos.

Presentación

Presentación do novo libro de Lino García Salgado

O vindeiro xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo a Asociación Cultural Eira Vella contará co poeta Lino García Salgado para a presentación de Kamikaces, o seu novo poemario, publicado pola editorial Medulia.

Kamikazes defínese por unha estrutura complexa onde a musicalidade ten un compoñente esencial. Textos que transitan entre a crítica social, a ironía e unha dor que se expresa de maneira solermiña, como un regato entre as palabras.

Lino García Salgado é un dos poetas publicados na colección Xanela da poesía co seu poemario Espertar (2010). É autor tamén de Meliflua moradía (2012).

A Xanela, Letras Galegas, Publicacións

Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Corría o ano  2003 e a Asociación Cultural Eira Vella cumpría os dez anos de vida. Achegábase o outono e logo sairía unha nova Xanela, abríndose leda para amosar anacos da nosa cultura.

Nas páxinas centrais  o centenario de nacemento de tres persoeiros senlleiros:

Ánxel Fole, Álvaro Cebreiro e Florencio Delgado Gurriarán.

Nese ano, a Festa das Letras foi para Avilés de Taramancos.

De Fole recuperabamos un artigo sobre a paisaxe galega. De Florencio, “Romanzo do cabaleiro ourizo”, un dos cen mellores da nosa lingua, según Alonso Montero. De Cebreiro un anaquiño da súa vida, completado cun texto cheo de tenrura de Avilés de Taramancos, no que describe o seu estar nos derradeiros intres de vida…falan pouco…a dor non deixa…. Fermosa lembranza e un amargo sabor nos beizos…” Máis Alá, Máis Alá! Niso andamos aínda, compañeiro”, dicía Avilés.

E si, alegrámonos de que, por fin, a Academia lembre este ano, recupere a súa obra e se lle faga merecida homenaxe a un Valdeorrés que, igual q moitos outros, naquelas fatídicas datas do 36, tivo que poñer rumbo ao exilio mexicano para salvar a súa vida.

Actividades, Homenaxe

Día da República 2022

Actividades, Homenaxe

Día da República: homenaxe ás vítimas da represión e proxección de A Illa de Chelo

O día 13 de abril de 2022, a Asociación Cultura Eira Vella manterá viva a memoria das vítimas da represión franquista coa súa habitual homenaxe diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras. A homenaxe terá lugar as 19:30 horas no lugar sinalado.

Posteriormente, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica A Coruña, nun acto presentado por Emilio Vega, proxectará o documental A Illa de Chelo, dirixido por Odette Martínez-Maler e no que, partindo do asasinato dos seus pais e das súas vivencias de guerrilleira, Consuelo Rodríguez, Chelo, narra os crimes cometidos pola Lexión ao mando de Sergio Peñamaría de Llano, así como a loita heroica das guerrilleiras e guerrilleiros contra o franquismo e pola democracia.

Presentación

Ricardo Seixo presenta os seus poemarios en Betanzos

Este vindeiro 31 de marzo ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, Ricardo Seixo, acompañado do grupo de música tradicional Maraxe e do colectivo Gosto de vivir a poesía, presentará os seus poemarios Sinais, Na república da intimidade e Coa luz negada.

Ricardo Seixo

Image 1 of 8

Ricardo Seixo, mestre en diversas localidades de Galiza e actualmente xubilado (en activo), formou parte de diferentes grupos de música tradicional, e hoxe coas súas fillas Sonia e Noa, anda a tecer novos textos en vellas melodías a través de Maraxe. Ademais traballa no activismo social a través da Asociación veciñal Agra, na que coordina actividades relacionadas con mundo da música e da literatura galegas, como “Polo gosto de cantar” e “Gosto de vivir a poesía”, e tamén colabora coa Fundación Eira da Xoana coordinando un obradoiro de canto tradicional.

Ademais dos poemarios que se presentarán o xoves, é autor de Ollares (2016) e Versos noctámbulos (2018).

Homenaxe

Día de Rosalía 2021

Este 24 de febreiro de 2021 no que as celebracións do Día de Rosalía son un pouco diferentes queremos recordar que Eira Vella publicou en 2012, para conmemorar os 175 anos do nacemento de Rosalía, un folleto que recolle en edición facsímile Contos da miña terra, publicación editada en Ferrol no ano 1868 polo periódico “El Eco Ferrolano” en folletín coleccionábel e que era descoñecida até ese momento, mesmo polos especialistas na obra rosaliana, ao non existir coleccións do periódico.  

En realidade trátase dun único conto, aínda que o título indica que serían máis que, ou ben non chegaron a existir ou ben non se coñece máis que este primeiro dunha serie, numerado como I. O facsímile complétase cun  pequeno estudo introdutorio de Xesús Torres Regueiro, “O conto galego de Rosalía. Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868”. A importancia deste achádego está en que, tratándose da única creación de Rosalía en prosa galega, tíñase por póstuma e, máis recentemente, mesmo se cuestionou a súa autoría, cousas ambas que quedan definitivamente aclaradas con esta publicación.

Doutra banda, un ano máis queremos tamén expresar dende aquí a nosa adhesión ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021 e celebrar á autora lembrando os seus versos.

Actividades, Na prensa, Na Rede, Publicacións

A Deputación da Coruña publica “Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración”

Álvaro Cebreiro é unha das figuras vencelladas aos comezos da nosa asociación cultural. No ano 1994 a AC Eira Vella organizou unha exposición sobre o artista coruñés, editando un catálogo que recollía todas as obras que formaban parte da mesma, e que se converteu nunha das primeiras publicacións da asociación.

Agora é a Deputación da Coruña a que publica Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración, obra do noso compañeiro Xesús Torres Regueiro é que é froito dunha ardua labor de investigación na que se destaca a dimensión de Cebreiro como artista “brillante e vangardista”. A publicación enmarcase no centenario da primeira exposición do ilustrador.

Portada do libro

A presentación do libro tivo lugar o pasado mes de novembro na Biblioteca provincial e participaron no acto ademais do propio autor, o deputado de Cultura, Xurxo Couto e o cuñado do artista, Alfonso Posse. Pódese ler a nova completa na seguinte ligazón.

A Xanela, Actividades, Presentación

Presentación de Adegas do viño do país, Betanzos

O pasado 30 de outubro presentouse na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns de Betanzos Adegas do viño do país, Betanzos. Unha tradición por reinventarse da autoría de José Ramón Togores Hernani,  o novo libro editado pola AC Eira Vella dentro da colección Xanela do Patrimonio.

O libro, baseado no traballo de fin de Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria do autor, analiza o fenómeno das Adegas do Viño do País como espazos familiares de consumo da comarca e a súa situación actual, reflexionando sobre as distintas formas en que esta tradición podería reinventarse para sobrevivir. Unha obra rigorosa cunha metodoloxía que combina diferentes fontes como a revisión bibliográfica, a recompilación de material de arquivo e documental, as entrevistas e a observación participante.

A continuación deixámosvos algunhas imaxes do acto.

Presentación Adegas do viño do país

Image 1 of 11

Actividades

Iniciativa Popular Xabarín

Dende a Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos apoiamos a campaña de recollida física de sinaturas de apoio á Iniciativa Popular Xabarín.

Estas sinaturas físicas son as únicas válidas legalmente para que a Iniciativa poida chegar ao Parlamento.

Para facilitar que poidan asinar todas as persoas que o desexen, máis de 250 establecementos de toda Galiza colaboran na recollida de sinaturas para a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Recollemos neste MAPA a localización dos puntos de recollida de sinaturas. Na nosa comarca os puntos de recollida son os seguintes:

  • Betanzos: Cafetaría Cervezoteca A Tinería
  • Sada: Libraría Avenida
  • Abegondo: Bar Fariña

A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana.

Reclamamos unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.

PARA QUE A INICIATIVA SAIA ADIANTE PRECISAMOS A SINATURA FÍSICA DE TODAS AS PERSOAS QUE A APOIEN. PODERASE ASINAR NOS ESTABELECEMENTOS E ASOCIACIÓNS QUE COLABORAN OU CONTACTANDO EN xabarintv@amesa.gal ou tlf 981.563.885

Actividades

25 de xullo de 2020

O Día da Nación Galega celebrouse por primeira vez en 1920, nunha convocatoria acordada durante a II Asemblea Nacionalista a fins de 1919  e que rapidamente se consolidou.

Neste 2020 fanse, xa que logo, 100 anos desa primeira xuntanza do que acabaría sendo o noso día. A grande festividade que reivindica a Galiza.

Este ano a celebración é distinta, temos que prescindir das grandes manifestacións, actos, festivais… de anos pasados a causa dun coronavirus que nos obriga a evitar os actos masivos. Pero o espírito do que se celebra segue en nós.

Dende Eira Vella sumámonos a esta conmemoración, como xa fixeramos, por exemplo, na Xanela do 1994 (como aparece recollido no que foi o último número da revista)”.

Letras Galegas

Em 17 de maio #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #EuFaloGalego

Este 17 de maio não poderá ser comemorado como gostaríamos, aínda em estado de alerta sanitaria. Mas não devemos esquecer o dia nin o seu significado, especialmente em um ano dedicado a uma pessoa tão importante para o galego como Carvalho Calero.

Queremos expressar o nosso apoio às muitas iniciativas que estão sendo desenvolvidas para comemorar este dia. Entre eles, podemos citar o recital do NPG Nova Poesía Guitirica, que será exibido no facebook do grupo diretamente às 20:00 do domingo, 17 de maio, e que contará com a participação de várias / as betanceiras / os.

E também às iniciativas do Orgullo Galego para fazer tendência o tweet #eufalogalego e de Queremos galego com o lema “Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión” e os tweets #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego

Links: Recital de NPG: https://www.facebook.com/events/567802190542090/?notif_t=plan_user_invited&notif_id=1589060824554864


Orgullo galego: https://www.facebook.com/orgullosergalego/photos/a.590007957827142/1469013453259917/?type=3&theater


Queremos galego:https://www.queremosgalego.gal

Actividades

14 de abril de 2020, lembramos ás vítimas betanceiras de 1936

Este ano dende a AC Eira Vella non podemos celebrar presencialmente a ofrenda ás víctimas betanceiras do golpe de estado de 1936 diante da placa que lembra os seus nomes, pero si o celebramos no corazón e na memoria.

Aproveitamos este espazo virtual para recordalos tirando do noso arquivo e agardamos que o próximo 14 de abril poidamos volver a honralos con flores e poemas.

Viva a República!

Vítimas betanceiras de 1936

Image 1 of 4

Actividades

8M, Sen coidados non hai vida

“Este 1 e 8 de marzo saca o teu uniforme de traballo e/ou a túa
bata/mandil á rúa.
Visibiliza o invisible. Sen coidados non hai vida”

A Asociación Cultural Eira Vella manifesta o seu apoio ao acto central
convocado por “Galegas8M” en Verín o día 1 de marzo de 2020 e aos que
organiza o Colectivo Feminista das Mariñas en Betanzos na semana do 1 ao
8 de marzo e que rematarán cunha concentración o día 8 de marzo ás 12
horas no palco de música

Segue todas as convocatorias en Galiza na seguinte ligazón.

Máis información en Galegas 8M e no Facebook do colectivo feminista das Mariñas

Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2020

Un ano máis a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos organizan o acto central en torno ao Día de Rosalía, no que se conmemora o nacemento da autora.

O venres, 28 de febreiro, ás 19:30 horas na Aula Municipal de Cultura, Mariña Erias e Javier Crespo conducirán o acto de homenaxe á poeta no que participará o alumnado dos centros de ensinanza da cidade, o Coro de Coirós, a Asociación Lar de Unta e o Grupo de Azougue da Escola Municipal de Folclore.

A Xanela, Xornadas Conferencias

Xornadas da Historia 800 anos

Durante tres días a AC Eira Vella organiza as xornadas da historia co gallo do 800 aniversario da fundación de Betanzos. O ciclo de conferencias iniciarase coa ponencia “Betanzos a comezos do século XIII” de Xesús Torres o martes, 10 de decembro, e incluirá a proxección do documental “O Reino suevo de Galicia” o mércores, 11 de decembro. O ciclo finalizará o xoves, 12 de decembro, con Anselmo López Carreira cunha conferencia co título “Nacemento, vida e morte do Reino de Galicia”.


Actividades, Publicacións

Presentación do libro «Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego»

O 6 de abril de 2018 preséntase o novo libro editado pola AC Eira Vella: «Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego», de Manuel B. Dans. No volume, a través de 37 entrevistas con neofalantes, constrúese un relato no que se investiga as razóns ocultas detrás da decisión de cambiar de idioma e o que significa contraatacar contra a invasión do castelá. O autor, tamén neofalante, inclúe opinións de neofalantes doutros países

Actividades, Presentación, Publicacións

Presentación do libro «Patrimonio da comarca das Mariñas»

O 25 de maio tivo lugar a presentación do libro «Patrimonio da Comarca das Mariñas», de Xosé María Veiga Ferreira e Juan Sobrino Ceballos. A presentación correu a cargo de Xesús Torres e Alfredo Erias, intervindo tamén Xosé María Veiga quen realizou unha proxección de imaxes sobre o patrimonio comarcal. O libro, editado por Eira Vella, recolle artigos publicados na revista A Xanela, na sección «O noso Patrimonio» entre os anos 1994 e 2016

Actividades, Presentación

Presentación do libro «As Irmandades da Fala

O xoves 11 de maio presentouse o libro «As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX», de autoría colectiva, editado por Edicións Laiovento. O acto contou coas intervencións de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, coordinador da publicación e autor dun dos traballos, e Xesús Torres Regueiro, autor dun dos traballos que versa sobre a Irmandade da Fala de Betanzos. Este fixo unha exposición documentada sobre a historia da Irmandade local

Actividades

Proxección de «As silenciadas

O 27 de abril Eira Vella fíxose á proxección do documental «As silenciadas», historias de mulleres represaliadas na posguerra, dirixido por Pablo Ces e con guión do propio Ces e Aurora Marco. Precisamente esta estivo presente no acto explicando o traballo de investigación realizado e reunido nun libro da súa autoría, do que o documental recolle seis historias, e reivindicando o papel das mulleres na guerrilla e na resistencia ao franquismo. Estreada en 2011, a película obtivo premiose galardóns en varios festivais, entre eles o de Santa Coloma de Gramanet de 2011, ademais de recibir en 2012 o Premio Mestre Mateo ao mellor documental.

Actividades, Homenaxe

Homenaxe a Rosalía 2017

Un ano máis Eira Vella organiza, coa área de normalización lingüística do Concello de Betanzos, a homenaxe a Rosalía Castro o 24 de febreiro na aula de cultura «Xulio Cuns». A actriz Isabel Risco presenta acto, que conta coa participación de alumnado do CEIP Vales Villamarín e do IES Francisco Aguiar, o grupo folclórico A Fuliada e diversas persoas que recitarán poemas da poeta galega. O acto pecharao a cantante e compositora compostelá Najla Sham

Presentación, Publicacións

Venres 8. Recital poético do poeta brasileiro Luciano Maia.

Screenshot_2015-12-29-01-09-53-1O vindeiro venres 8 de xaneiro terá lugar ás oito da noite na sala Azul do edificio Arquivo un recital poético do brasileiro Luciano Maia, que servirá tamén de presentación do seu novo poemario “Aldea lonxana”, editado pola Asociación Cultural Eira Vella e impreso no Brasil por desexo do próprio autor. “Aldea lonxana” inclúe “Dez poemas galegos” escritos na ortografía oficial do galego, ademais doutro medio cento de poemas en grafía portuguesa.

Luciano Maia (1949), avogado, mestre en literatura, membro da Academia Cearense de Letras e cónsul honorario Romanía en Fortaleza, é autor dunha extensa obra poética que abrangue máis dunha vintena de títulos.

Presentación

Presentación do poemario Terra Fría. xoves 19

Este xoves 19 convidámosvos ao recital de MIGUEL A. MATO FONDO, para presentar o seu poemario TERRA FRÍA.

O acto terá lugar ás 20,00h. na Sala Azul do Edificio Arquivo.

terra fría_portada

Miguel A. Mato Fondo naceu en Ponteceso no ano 1953. É profesor, escritor e crítico literario. Participou no colectivo poético “De amor e desamor” e é autor das seguintes obras:

Poesía

-O whiskey na barrica. (2004)

-Antoloxía. (2005)

-Terra fría. (2015)

Ensaio

-A mazá e a cinza. (1991)

-A escrita da terra. (1998)

-Señardade da luz (A obra poética de Manuel María). (2011)

-Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro. (2011). Narrativa -Xope de Lilaina. (2005)

Ademais ten participado en diversas obras colectivas e responsabilizado de diversas edicións.

Actividades, Presentación

venres 17. presentación de olimpia ring

O vindeiro venres 17 de outubro presentaremos a última novela de Xabier López López “Olympia Ring, 1934”, ambientada na Barcelona de outubro de 1934 e co mundo do boxeo como telón de fondo. O acto terá lugar na Sala Azul do edificio Arquivo ás 20,30 horas con intervención do presidente de Eira Vella, o escritor Antonio M. Fraga e o proprio autor.

2014-10-12-11-31-09_deco

 

 

XABIER LÓPEZ LÓPEZ (Bergondo, 1974) é autor das novelas Biff, Bang, Pow! (1997), Doutor Deus (1999), O caderno (Premio Risco 2001), O mono no espello (Premio Lueiro Rey, 2002), A estraña estrela (2003), A vida que nos mata (Premio García Barros, Premio da Crítica 2003), Trinta e dous dentes (2007), Cando Artur non era rei (2012), 1989 (2013) e Cadeas (Premio Xerais, Premio Fervenzas Literarias 2013), amais do volume de relatos Os libros prestados (2010). Parte da súa obra está traducida para o portugués, o castelán e o catalán.

Homenaxe

Lembrando a Xulio

xulio-homenaxe
O pasado 22 de xullo faleceu aos oitenta e sete anos o amigo Xulio Cuns Lousa, quen fora un dos fundadores e secretario e vocal nos primeiros anos da Asociación Cultural Eira Vella.
Xulio Cuns, nado en Betanzos en 1926, traballou toda a súa vida no eido da cultura (escritor, tradutor, conferencista, xornalista, actor, guitarrista…) e colaborado con diferentes asociacións, entidades e medios da localidade (Agrupación Cultural Candilejas, Coral Polifónica, Asociación Cultural Eira Vella, Grupo de teatro Luzada, Trío Evocación, Agrupación Teatral Mariñán, El Eco de las Mariñas, Betanzos e a súa Comarca, Programa de Festas de San Roque, Radio Betanzos, A Xanela, Anuario Brigantino…).
Traballou con diversas xeracións de betanceiras e betanceiros relacionadas coa actividade cultural, servindo de ponte xeracional entre persoas e entidades da súa xuventude e outras que se incorporaron nos anos da súa madurez, xa na etapa democrática e con outras espectativas e posibilidades, nas que o cultivo do galego foi esencial e ao que el contribuiu con dedicación e xenerosidade.
É autor dos libros de relatos “O que non quedou no protocolo”, “O Velorio do Tío Chinto” e “Así foi… e seguirá sendo”. Obras teatrais súas son “O esmoleiro” e “Alter ego” que foron estreadas e representadas pola Agrupación Teatral Mariñán. Tamén é co-autor dos libros “Alcumes recollidos en Betanzos” e “Orquestras populares das Mariñas”. No Anuario Brigantino publicou tamén interesantes traballos, entre os que destaca o que dedicou á historia da Banda municipal de Betanzos. Realizou traducións de Tagore, Casona, Martin du Gard e Strindberg á lingua galega.
Coa saúde xa deteriorada, Eira Vella dedicoulle unha gran homenaxe cun encontro artístico literario e unha exposición bio-bibliográfica en outubro de 2010. E na primavera de 2011 foi o Concello de Betanzos quen lle rendiu homenaxe nomeándoo “fillo predilecto” e dándolle o seu nome á aula de cultura municipal.

Ata sempre Xulio e grazas por todo o que nos deches!

A Xanela, Sons

presentamos un novo número de a xanela

2014-06-07-18-54-19_deco
Angeles Dorrio acabou por converterse nun referente da música galega e nunha das máximas expoñentes do jazz e soul coruñés. Tras unha dilatada carreira polos escenarios galegos, nos que participou en diferentes proxectos como Vocal Secrets unha das súas primeiras incursións na música, pasando por apostas atrevidas e innovadoras como Vennue Connection. Nestes anos Angeles non se apartou un intre da esfera musical herculina, renovándoa a través da súa participación en distintos proxectos vocais como Gospel 3, Ejazz, ou Sisters in the House, sen deixar a un lado a súa labor docente como mestra de canto. A estas alturas xa se botaba en falta unha incursión en solitario no mundo da música e Angeles Dorrio consciente diso, deixounos este agasallo que podemos levarnos á casa, sen ter que limitarnos como ata o momento a repasar o seu talento revivindo as melodías mentalmente tras o final dun concerto. Ten Soul é a súa proposta. E esta chega tras un período de maduración e reflexión. Angeles ofrécenos o seu sentir musical en dez cortes, oito deles con letra en inglés, pero sen esquecer as súas orixes o galego aparece nos temas “Vello Espello” e “Eu non sei”. (X.L. Sobrino, in A Xanela nº 37)

Sen clasificar

letras galegas 2014

cartaz_diazcastroEira Vella, que comezou as súas actividades em 1993 cun acto homenaxe “Lembrando a Díaz Castro” e celebrou os seus vinte anos o pasado 2013 con outro acto dedicado a este poeta tan vencellado a Betanzos, conmemora as Letras Galegas 2014 dedicadas xustamente a Xosé María Díaz Castro cun acto doble a celebrar o vindeiro venres 23 de maio na Sala Azul do Edificio Arquivo. Constará dunha conferencia de Armando Requeixo sobre “Xosé María Díaz Castro. Entre Nimbos e Sombras radiantes” e da proxección do documental “O instante eterno”, realizado arredor do poeta e dirixido por Xosé Antón Cascudo.

Armando Requeixo, profesor e crítico literario destacadoven estudando dende hai tempo a vida e obra de Díaz Castro e recentemente presentou a súa Tese de Doutoramento arredor do autor de “Nimbos” e publicou asimesmo o libro “Xosé María Díaz Castro. Vida e obra” (Edt. Galaxia, 2013).

Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976), Licenciado en Historia da Arte e Comunicación Audiovisual, Master en Sociedade do Coñecemento e Técnico Superior em Fotografía Artística., é o director do documental “O instante eterno

 

 

Actividades

“Viva a Revolución Galega de 1846!”

002       
         O pasado sábado 26 de abril, aniversario dos Mártires de Carral, o profesor, historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández impartiu unha conferencia sobre “Antolín Faraldo e a Revolución Galega de 1846″ na sala Azul do Edificio Arquivo, pechando o ciclo que se veu desenvolvendo durante os días 11 e 12 de abril coa presentación do “Poemario dos Mártires” polo seu autor Mario Gallego Rei, e a representación da obra teatral “Abril de lume e ferro”, de Manuel María, a cargo da Asociación Cultural de Carral do mesmo nome que a obra.
A presentación do profesor Barreiro correu a cargo de Xesús Torres, presidente da A.C. Eira Vella.
001
Actividades, Exposicións

Imaxes da exposición dos XX anos

O  pasado martes 17 de setembro inaugurouse a Mostra Documental dos XX anos de Eira Vella.
No acto interveu a presidenta Pilar Vázquez, a vicepresidenta Mariña Longueira leu o poema da ausente Gabriela Rodríguez alusivo aos “XX anos”, e Francisco Pérez Porto pechou o acto cunha intervención musical cantando cancións e romances tradicionais galegos e poemas de Curros e Rosalía.
Entre os asistentes estaban o Alcalde, concelleiros do PSOE, BNG e CxB, persoas do mundo artístico e cultural de Betanzos, libreiros, socios e directivos da asociación, veciños e veciñas.

http://flash.picturetrail.com/pflicks/3/spflick.swf

Actividades

Cadeas

O vindeiro venres, 11 de outubro, preséntase en Betanzos a novela de Xabier López López “Cadeas”, premio Xerais de novela 2013.
A cita na Sala Azul do Edificio Arquivo ás 20:30 horas e contará coa participación de Pilar Vázquez, Iago Martínez, Manuel Bragado e o autor.
Agardámosvos, non faltedes.Cadeas

Presentación

Este xoves 13 de xuño…

Presentación do libro de Carlos Callón
Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez
acto que terá lugar ás 20,30 horas

 na Sala Azul do Edificio Arquivo.
 Carlos Callón (Ribeira, 1978)
é profesor de Lingua e literatura galegas en secundaria e investigador sobre sociolingüística e literatura. Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e da Fundación Via Galego, así como portavoz nacional da plataforma unitaria Queremos Galego. Tamén presidiu o Comité de Estado da Axencia Europea de Linguas Minorizadas. Publicou os ensaios Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay problema (Xerais, 2010), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais, 2011) Premio Redelibros de Ensaio, Amigos e sodomitas (2011) Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e Premio Fervenzas Literarias de Ensaio e Como escribir en galego con corrección e fluidez (Xerais, 2012). Obtivo tamén varios galardóns pola súa obra de creación, entre os cales salienta o Premio Internacional de Teatro Breve Lauro Olmo (1996). Ademais de colaborar con asiduidade en varios medios de comunicación, mantén o blogue
www.carloscallon.com
Actividades, Homenaxe

OFRENDA Á VÍTIMAS BETANCEIRAS

A Asociación Cultural Eira Vella organiza este domingo 14 de abril, aniversario da II República, unha ofrenda as vítimas betanceiras da represión franquista de 1936-1939 diante da placa que esta entidade colocou en 2007 na entrada ao Museo das Mariñas, réplica da existente no Centro Betanzos de Buenos Aires e que recolle os nomes de trinta e tres vítimas.

O acto literario-musical terá lugar ás 12 da mañá e enmárcase nas Xornadas da Memoria que esta entidade veu desenvolvendo nos pasados días con proxeccións cinematográficas e a el están especialmente convidados os familiares das vítimas.
Presentación, Publicacións

Presentación en Sada…

Presentouse en Sada o libro das fontes de Betanzos

01

 

Da man da A.C. Irmáns Suárez Picallo, presentouse o pasado día 24 na Casa da Xuventude de Sada o libro “As fontes  no concello de Betanzos”, que foi editado meses atrás pola Asociación Cultural Eira Vella e presentado tamén na cidade betanceira.

 

02

No acto interviron os autores, Antón García González e Xesús Torres Regueiro. Ao remate falaron tamén os mestres Xosé Seoane e Francisco Pita (presidente da entidade organizadora) arredor de experiencias educativas que realizaron sobre as fontes de Sada e Culleredo, respectivamente.

 

030405

A Xanela, Presentación, Sen clasificar, Sons

…Este venres presentamos o número 34 de A Xanela!

Cartaz_miro

 

 

 

 

 

 

 

 

Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) formou parte do movimento da Nova Canción Galega e de Voces Ceibes nos últimos anos da ditadura franquista, loitando dende a resistencia cultural.

Ligado nos seus comezos musicais a Cataluña, onde realizou os estudos, alí entra en contacto com membros da Nova Cançó e con Paco Ibáñez, participando en festivais pola península e por Franza. En Barcelona grava co selo Edigsa/Xistral dous discos de curta duración: “Miro canta as súas canciós” e “Cantigas de escarnho e maldizer”.

De volta en Galiza, en 1977 sae o seu disco “Ti Galiza” e ao ano seguinte “Treboada”, ambos LP´s de longa duración.

En 1979 intégrase no grupo Doa, sacando en 1981 o disco “O son da estrela escura”, de música popular e medieval.

Despois dun longo silenzo de vinte anos, volve editar un disco no ano 2004: “Orvallo”, con doce canzóns, dende os cancioneiros medievais a autores contemporáneos, pasando por Rosalía.

Reapareceu en 2002 nun concerto en Guitiriz nun festival de Nunca Máis, e dende entón, non deixou de aportar a súa voz e a súa música en diversos actos e iniciativas en defensa da lingua, a cultura e o país. Con nós xa estivo cando a presentación da Xanela nº 19, na primavera do 2005, na presentación do libro de poemas de Mero en outubro do pasado ano e volta a estar connosco na presentación desta Xanela nº 34.

Actividades, Presentación

Presentación de…Cando Artur non era rei

Un novo libro do escritor Xabier López López presentarase en Betanzos o día 30 de novembro. Será no Edificio Arquivo(Liceo), ás 20:30 na Sala Azul.

Cando Artur non era rei é un libro de literatura xuvenil publicado por Galaxia, que xa forma parte da extensa obra do autor de O Caderno, O mono no espello, A vida que nos mata, Os libros prestados e outros, acadando o recoñecemento da crítica con varios premios, entre eles o da crítica española en 2003, o Risco de Literatura Fantástica, Lueiro Rey de novela curta en 2002 e finalista en moitos de gran relevancia.

Parabéns ao autor e que sexan moitos máis.

Actividades, Exposicións

Neira Vilas en Betanzos

O martes, 24 de xullo, ás 19:30 horas no 2ºandar do Edificio Arquivo (Liceo), o escritor Xosé Neira Vilas achegarase a Betanzos para presentar na cidade a exposición que celebra os 50 anos da publicación do libro Memorias dun neno labrego.

Neste mes de xullo e agosto, no horario habitual de exposicións, poderá ser visitada por quen queira achegarse a lembrar a Balbino e ao seu creador.

Actividades, Exposicións

…este venres inauguramos exposición. Carmen Sendón

A ARTISTA.
A pintura de Carmen Sendón amosa una explosión de formas e cores que xurden do seu amor pola Natureza e da necesidade de comunicarse co entorno.
O bosque, os rios, a praia, o mar … perviven na súa obras, loitando contra os atrancos que ás veces atopa no percorrido, e sempre na compaña dos amigos que dan voz aos lenzos e axudan ao desfrute das xornadas de lecer compartidas.
Da man de Elena Piñeiro, nos comezos, de Paula Rego e Ladislau da Regueira logo, acode aos Estudos de Expresión Pictórica, participando en obradoiros e cursos que contribúen a ampliar os seus coñecementos e noutras facetas artísticas como o mundo da cerámica, con Daniel Pexegueiro e Rosa Jove, e o do vidro.
A ansia de compartir as súas experiencias lévana a dirixir cursos e obradoiros en asociacións artísticas e culturais, centros de ensino e mesmo na Facultade de Humanidades de Ferrol.

EXPOSICIÓNS.
Dende o 2003 ven expoñendo anualmente en diferentes concellos da comarca: Valdoviño, Narón, Neda, Pontedeume, Cedeira, Miño, Mugardos e Centro Cultural Carvalho Calero, Casa das Palmeiras, Real CoroToxos e Froles, Casa da Muller, de Ferrol.
Ten participado en exposicións colectivas: Museo do Humor de Fene, Ares, no Centro Cívico de Caranza e no Casino Ferrolán.
No 2007, un proxecto multidisciplinar levaraa ate Berlín como participante na modalidade de escultura mariña.
No 2008 e 2011, colabora na pintura-mural “A Ría na Rúa” en Ferrol.
Acadou premios e mencións no Concurso de Pintura “Bello Piñeiro” e Clube Naval na súa cidade.

Visita o seu blogue AQUí

Actividades, Letras Galegas, Xornadas Conferencias

chega o día das letras galegas…

TUCHO CALVO
Escritor e xornalista, naceu en Venezuela no 1954 fillo de pais emigrantes. Traballou como xornalista en La Voz de Galicia desde 1976 ata 2010. Como escritor deuse a coñecer con Froito das lembranzas (1981). Publicou ademais as novelas PAE-Século XXI, Telúrico, Luz de abrente e O xabaril branco; os libros de relatos Astra o confín e Corazón entre desertos; o ensaio O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade e a biografía Valentín Paz-Andrade, a memoria do século. Tamén fixo incursións na literatura infantil con A castaña que chegou a árbore e Gatipedro.
Coordinou en La Voz de Galicia as “Páxinas literarias”, nas que se publicou por capítulos a súa novela O xabaril branco con ilustracións de Miguelanxo Prado. Dirixiu tamén a Biblioteca Galega 120, colección básica de literatura en galego, iniciativa do mesmo xornal coruñés que acadou unha gran difusión.
Con Carmela González Boó creou Biblos Clube de Lectores no 2003.

Tucho Calvo. Foto Xoán G. Foto Xoán G.

Actividades, Sons, Vídeos

Admirando a Sés…

Admirable a actuación de Sés e Tito onte, na presentación de A Xanela. Deixounos o pouso da súa voz, dos seus temas. Entendemos que sexa a música o que máis lle gusta facer, e porque o fai tan ben, disfrutamos  escoitándoa. Parabéns aos dous e moita sorte!Sés

EiraVella

https://picasaweb.google.com/s/c/bin/slideshow.swf

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=dw7JFkSJBpA?rel=0&w=450&h=259]

Actividades, Sons

O 17 de nadal chega o novo número de A Xanela…

O acto de presentación de A Xanela terá lugar o sábado 17 de decembro, no Salón Azul do Edificio Arquivo, ás 20:30h. Nesta ocasión, contaremos coa actuación de SÉS.

Agardámosvos!

 

 

 

Velaí un videoclip do primeiro single de Sés “Admirando a condición”…

 

 
[vimeo 22601783 w=400 h=225]

Sés | Admirando a condición from airapro on Vimeo.

Actividades

Presentación…

Fiandola créase na cidade de Compostela no ano 1996. Por aquel entón un grupo de músicos ligados á Universidade de Santiago de Compostela se reunen para traballar arredor da música tradicional. Desde ese momento o grupo sofre distintos cambios ata chegar á formación actual.

No seu ano de formación soben a recoller o premio de gañadores do certame Xuventude’96 organizado pola Consellería de Familia Muller e Xuventude xunto cos grupos Silvardeira e Belladona. Os compoñentes desta formación novel son Edelmiro Fernández, Fran López, Alberto Barreiro “Warren”, Manolo Maseda, Carolina Nogueira e Cristina Nogueira. Froito deste premio inclúen dous temas no traballo discográfico compartido cos outros gañadores Xuventude’96.

Ao longo destes anos a formación cambiou quedando, na actualidade, tan só dous dos seus membros fundadores.

A formación actual de Fiandola traballa buscando novos camiños para o repertorio tradicional, un novo son propio e fresco. Na actualidade, seguimos a conservar Compostela e a súa comarca como centro de operacións e ensaios. A formación presente está formada por:

Fran López, natural de Betanzos e residente no Pino.

Alberto Barreiro “Warren”, natural de Moaña e residente en Betanzos.

Cristina Sánchez, de Betanzos.

Santiago Budiño, natural de Moaña e residente en Ames.

Manolo Cobas, natural de Moaña e residente en Cangas.

Marcos Pérez, de Ourense.

E a continua colaboración de Lucía Vázquez, Betanzos.

Despois de máis de quince anos de vida Fiandola ten tocado xa nos máis importantes festivais de Galicia e mesmo xa visitamos lugares alleos como Cantabria ou Navarra e contamos con varios traballos discográficos como son Xuventude’96 ou Chill Out Celta, xunto a outras formacións; e os traballos en solitario Bricania (2005) e Mimá (2011).

Actividades

Presentación de Traizón consagrada

Imaxes do acto o pasado  14 de abril

A continuación da ofrenda ás vítimas tivo lugar na Sala Azul do Edificio Arquivo a presentación do libro “Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano”, relato autobiográfico do avogado betanceiro Luis Cortiñas (1900-1986), encadeado polo franquismo. É unha reedición en lingua galega do que o autor editara en 1958 na Arxentina e que apenas era coñecido entre nós por non poder circular libremente no seu momento. A presente edición vai acrescentada con documentación gráfica e un limiar sobre a vida e a obra do autor.

Na presentación do libro interviron a presidenta Gabriela Rodríguez, Xesús Torres Regueiro (autor da introducción e versión galega), así como Tomás López Loureda (fillo do avogado López Datorre, alcalde fusilado en 1936, amigo e compañeiro de Cortiñas) e Xesús Torres Loureda “Martín”, que contaron senllos testemuños relacionados con Luis Cortiñas e o seu irmán Francisco, unha das vítimas betanceiras, asasinado en 1939 en plena rúa do Castro.

Actividades

homenaxe de eira vella á República

O pasado 14 de abril Eira Vella realizou a homenaxe anual diante da placa colocada pola entidade cultural que lembra aos betanceiros vítimas da represión franquista de 1936, situada na entrada ao Museo das Mariñas e que é réplica da que o Centro Betanzos de Buenos Aires colocara na súa sede.

No acto, con presencia de varios familiares das vítimas, leuse un manifesto dos 80 anos da República, un par de poemas, os nomes completos das vítimas e algúns que non figuran na placa, tocouse o hino de Riego e o de Galicia polo músico Xosé Taboada e realizouse unha ofrenda floral.

Ao asistentes entregouselles unha postaliña cos nomes das vítimas e unha ilustración do betanceiro Manuel Crestar alusiva á represión franquista en Betanzos.