Actividades

Presentación de Traizón consagrada

Imaxes do acto o pasado  14 de abril

A continuación da ofrenda ás vítimas tivo lugar na Sala Azul do Edificio Arquivo a presentación do libro “Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano”, relato autobiográfico do avogado betanceiro Luis Cortiñas (1900-1986), encadeado polo franquismo. É unha reedición en lingua galega do que o autor editara en 1958 na Arxentina e que apenas era coñecido entre nós por non poder circular libremente no seu momento. A presente edición vai acrescentada con documentación gráfica e un limiar sobre a vida e a obra do autor.

Na presentación do libro interviron a presidenta Gabriela Rodríguez, Xesús Torres Regueiro (autor da introducción e versión galega), así como Tomás López Loureda (fillo do avogado López Datorre, alcalde fusilado en 1936, amigo e compañeiro de Cortiñas) e Xesús Torres Loureda “Martín”, que contaron senllos testemuños relacionados con Luis Cortiñas e o seu irmán Francisco, unha das vítimas betanceiras, asasinado en 1939 en plena rúa do Castro.

Actividades

Presentación de “A historia secuestrada polo franquismo”

O venres 18 de marzo, presentouse en Betanzos o libro de Manuel Monge “A historia secuestrada polo franquismo”. O autor é na actualidade presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH).

Con esta publicación preténdese recuperar unha parte da historia que nos foi negada, sendo tamén um libro para a acción, para cambiar as cousas. Fai unha crítica á etapa da transición á democracia na que os principais partidos políticos fixeron um pacto de silencio, deixando de lado o tema das vítimas do franquismo.

Pretendese así un acto de xustiza com todas as persoas que deron a súa vida ou sofriron a represión e que foron xermolos de paz e liberdade.

Describe tamén as actividades que a CRMH está a facer dende os seus comezos ata a actualidade.

Na presentación estivo acompañado polo investigador betanceiro Xesús Torres e Francisco Pillado, da editorial Laiovento.