A Xanela, Letras Galegas, Publicacións

Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Corría o ano  2003 e a Asociación Cultural Eira Vella cumpría os dez anos de vida. Achegábase o outono e logo sairía unha nova Xanela, abríndose leda para amosar anacos da nosa cultura.

Nas páxinas centrais  o centenario de nacemento de tres persoeiros senlleiros:

Ánxel Fole, Álvaro Cebreiro e Florencio Delgado Gurriarán.

Nese ano, a Festa das Letras foi para Avilés de Taramancos.

De Fole recuperabamos un artigo sobre a paisaxe galega. De Florencio, “Romanzo do cabaleiro ourizo”, un dos cen mellores da nosa lingua, según Alonso Montero. De Cebreiro un anaquiño da súa vida, completado cun texto cheo de tenrura de Avilés de Taramancos, no que describe o seu estar nos derradeiros intres de vida…falan pouco…a dor non deixa…. Fermosa lembranza e un amargo sabor nos beizos…” Máis Alá, Máis Alá! Niso andamos aínda, compañeiro”, dicía Avilés.

E si, alegrámonos de que, por fin, a Academia lembre este ano, recupere a súa obra e se lle faga merecida homenaxe a un Valdeorrés que, igual q moitos outros, naquelas fatídicas datas do 36, tivo que poñer rumbo ao exilio mexicano para salvar a súa vida.

A Xanela, Actividades, Presentación

Presentación de Adegas do viño do país, Betanzos

O pasado 30 de outubro presentouse na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns de Betanzos Adegas do viño do país, Betanzos. Unha tradición por reinventarse da autoría de José Ramón Togores Hernani,  o novo libro editado pola AC Eira Vella dentro da colección Xanela do Patrimonio.

O libro, baseado no traballo de fin de Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria do autor, analiza o fenómeno das Adegas do Viño do País como espazos familiares de consumo da comarca e a súa situación actual, reflexionando sobre as distintas formas en que esta tradición podería reinventarse para sobrevivir. Unha obra rigorosa cunha metodoloxía que combina diferentes fontes como a revisión bibliográfica, a recompilación de material de arquivo e documental, as entrevistas e a observación participante.

A continuación deixámosvos algunhas imaxes do acto.

Presentación Adegas do viño do país

Image 1 of 11