O vindeiro sábado, 30 de novembro de 2024, ás 17:00 horas, o Roteiro das Irmandades da Fala percorrerá a cidade da Coruña e os espazos nos que deixou a súa pegada. O Roteiro sairá do Instituto Eusebio da Guarda e durante hora e media lembrarase a persoeiros como Johán Vicente Viqueira, Primeiro Conselleiro da Irmandade da Coruña; Manuel Lugrís Freire, protagonista dun dos primeiros mitins en galego (1907) e autor dunha gramática na nosa lingua; Álvaro Cebreiro, figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, e autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’; María Miramontes e Ánxel Casal e o seu traballo na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré). O roteiro incluirá tamén ao Teatro Rosalía no que se fará unha pequena lembranza do teatro das Irmandades e o Rego de Auga 38, sede da Academia, onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades da man dos irmáns Vilar Ponte.
O Roteiro está organizado polas seguintes entidades: AC Alexandre Bóveda, ACLP Roxín Roxal, AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo, Lar de Unta, CPI Cruz do Sar, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, Proxecto Pesquedellas, Zona Hadal, Rede Cultural Betanzos e Bisbarra.
A AC Eira Vella uniuse ao apoio á IV Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide que tivo lugar onte, 11 de novembro de 2023, saíndo ás 12 horas da Praza de María Pita e percorrendo o camiño ata chegar á Casa Cornide.
Dende aquí queremos compartir o momento da chegada da marcha cívica para a lectura do manifesto así como o seu texto íntegro.
MANIFESTO
O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, que aínda non se presentou despois de 50 meses.
A Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio.
O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.
A Xunta declaraba BIC a Casa Cornide, pero despois de sete meses segue pechada e en propiedade da familia Franco. Como dicía Manuel Rivas na lectura do manifesto da II Marcha: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.
A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.
Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.
Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa.
O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade solicitar ao concello da Coruña que retire a Sergio Peñamaría as distincións que ten na nosa cidade. Sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Peñamaría ao fronte dunha Bandeira da Lexión, o Pleno dese concello aprobaba, tamén por unanimidade e a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, pedir ao concello da Coruña que a actual rúa Alcalde Peñamaría leve o nome de Mártires de Valdeorras.
ESIXIMOS AO CONCELLO DA CORUÑA:
– Que presente en novembro de 2023 demanda no xulgado para recuperar a propiedade da Casa Cornide.
– Que inste á Xunta, conseguida a declaración de BIC após a mobilización cívica, a que obrigue á familia Franco antes de que acabe 2023 a cumprir o que recolle a lei: apertura da Casa Cornide catro días ao mes, como mínimo, e catro horas cada día.
– Que se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
– Que se execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO
RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies