Blog

Actividades, Homenaxe

Homenaxe a Johán Vicente Viqueira

No centenario do falecemento de Johán Vicente Viqueira diversas asociacións culturais da comarca, entre elas a AC Eira Vella, únense para recordalo nunha homenaxe e ofrenda floral no cemiterio de Ouces, nun acto público aberto que terá lugar o xoves, 29 de agosto de 2024, ás 19:00 horas.

O acto incluirá a lectura de textos escolmados do pensamento e obra do autor, así como interpretacións musicais e outras actividades transmisoras do espírito viqueiriano.

Doutra banda, o noso compañeiro, Xesús Torres, participará tamén na Mesa Redonda Johan Vicente Viqueira (1886 – 1924) Vida, obra e permanência nos 100 anos do seu passamento, que se emitirá o 27 de agosto de 2024, ás 19:00 horas nos canais ACLP Roxin Roxal Youtube e Facebook.

Agardámosvos!

Publicacións

Romarías das Mariñas, o novo libro de Xosé María Veiga Ferreira

Dende a Asociación Cultural Eira Vella queremos dar os nosos parabéns ao compañeiro Xosé María Veiga Ferreira que ven de publicar o seu novo libro Romarías das Mariñas, editado pola Fundación Luis Monteagudo. Nesta obra o historiador percorre boa parte das romarías de carácter relixioso da comarca, algunhas delas xa extintas e outras aínda vivas.

O libro, cunha adicatoria a Xulio Cuns, outra persoa benquerida desta Asociación, é froito tanto da investigación documental como dun importante traballo de campo, e moi ben complementado con mapas, imaxes e curiosidades que axudan a achegarse a fondo a estas manifestacións colectivas transcendentais no patrimonio cultural popular da zona.

Parabéns e moitos éxitos!

Homenaxe

Día da República: ofrenda ás vítimas da represión

O día 12 de abril de 2024, ás 19:30 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras da represión do 36.

Homenaxe

Día de Rosalía 2024

Aquí vos deixamos algunhas imaxes da Homenaxe “Rosalía, pensando en ti“, que tivo lugar o pasado 23 de febreiro de 2024 e no que participaron o alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e Colectivo feminista das Mariñas.

Rosalía, pensando en ti

Image 1 of 8

Moitas grazas a todas e todos os que nos acompañastes neste día!

Homenaxe

Día de Rosalía 2024: Pensando en ti, Rosalía

O Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Rosalía, pensando en ti“, que terá lugar o vindeiro venres 23 de febreiro de 2024 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 19:00 horas.


Na homenaxe deste ano contaremos coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e Colectivo feminista das Mariñas.

“Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois”. Así comeza o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024, que podedes ler completo na seguinte ligazón.

Agardámosvos!

Homenaxe

Lembranza do artista Jesús Núñez

No pasado mes de outubro faleceu con 96 anos o artista betanceiro Jesús Núñez e hai uns días, ao abrirse o seu testamento, soubose que deixara á cidade de Betanzos (da que era Fillo Predilecto) a súa parte na Fundación CIEC e no edificio que a alberga, así como toda a súa obra que permanecía no seu poder.

En Eira Vella queremos lembrar a súa colaboración con nós, cedéndonos desinteresadamente a reprodución de gravados seus para ilustrar as portadas de tres publicacións editadas pola asociación. Trátase dos poemarios “Vizoño”, de Maxi Rei (2006), e “Elemental”, de Gabriela Rodríguez (2007), así como da publicación que recolle en facsímile o suplemento cultural “A Xanela” que se encartaba no periódico “Betanzos y su comarca” (2018).

Betanzos medrou con el en arte e cultura.

Máis información sobre Jesús Núñez e a Fundación CIEC en http://www.jesusnunezciec.com/