
No 17 de maio doutro ano terrível, sem esquecer a Carvalho Calero, #QueremostantoaXela
No 17 de maio doutro ano terrível, sem esquecer a Carvalho Calero, #QueremostantoaXela
“Era necesario que tamén en Betanzos se recuperase esa memoria esquecida, abrir unha porta e dar paso aos recordos que se agochan no sentir dalgúns betanceiros e betanceiras, que a luz traspase as SOMBRAS DA MEMORIA…un acto de XUSTIZA HISTÒRICA…”
Este 24 de febreiro de 2021 no que as celebracións do Día de Rosalía son un pouco diferentes queremos recordar que Eira Vella publicou en 2012, para conmemorar os 175 anos do nacemento de Rosalía, un folleto que recolle en edición facsímile Contos da miña terra, publicación editada en Ferrol no ano 1868 polo periódico “El Eco Ferrolano” en folletín coleccionábel e que era descoñecida até ese momento, mesmo polos especialistas na obra rosaliana, ao non existir coleccións do periódico.
En realidade trátase dun único conto, aínda que o título indica que serían máis que, ou ben non chegaron a existir ou ben non se coñece máis que este primeiro dunha serie, numerado como I. O facsímile complétase cun pequeno estudo introdutorio de Xesús Torres Regueiro, “O conto galego de Rosalía. Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868”. A importancia deste achádego está en que, tratándose da única creación de Rosalía en prosa galega, tíñase por póstuma e, máis recentemente, mesmo se cuestionou a súa autoría, cousas ambas que quedan definitivamente aclaradas con esta publicación.
Doutra banda, un ano máis queremos tamén expresar dende aquí a nosa adhesión ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021 e celebrar á autora lembrando os seus versos.
Álvaro Cebreiro é unha das figuras vencelladas aos comezos da nosa asociación cultural. No ano 1994 a AC Eira Vella organizou unha exposición sobre o artista coruñés, editando un catálogo que recollía todas as obras que formaban parte da mesma, e que se converteu nunha das primeiras publicacións da asociación.
Agora é a Deputación da Coruña a que publica Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración, obra do noso compañeiro Xesús Torres Regueiro é que é froito dunha ardua labor de investigación na que se destaca a dimensión de Cebreiro como artista “brillante e vangardista”. A publicación enmarcase no centenario da primeira exposición do ilustrador.
A presentación do libro tivo lugar o pasado mes de novembro na Biblioteca provincial e participaron no acto ademais do propio autor, o deputado de Cultura, Xurxo Couto e o cuñado do artista, Alfonso Posse. Pódese ler a nova completa na seguinte ligazón.
O pasado 30 de outubro presentouse na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns de Betanzos Adegas do viño do país, Betanzos. Unha tradición por reinventarse da autoría de José Ramón Togores Hernani, o novo libro editado pola AC Eira Vella dentro da colección Xanela do Patrimonio.
O libro, baseado no traballo de fin de Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria do autor, analiza o fenómeno das Adegas do Viño do País como espazos familiares de consumo da comarca e a súa situación actual, reflexionando sobre as distintas formas en que esta tradición podería reinventarse para sobrevivir. Unha obra rigorosa cunha metodoloxía que combina diferentes fontes como a revisión bibliográfica, a recompilación de material de arquivo e documental, as entrevistas e a observación participante.
A continuación deixámosvos algunhas imaxes do acto.
Dende a Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos apoiamos a campaña de recollida física de sinaturas de apoio á Iniciativa Popular Xabarín.
Estas sinaturas físicas son as únicas válidas legalmente para que a Iniciativa poida chegar ao Parlamento.
Para facilitar que poidan asinar todas as persoas que o desexen, máis de 250 establecementos de toda Galiza colaboran na recollida de sinaturas para a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Recollemos neste MAPA a localización dos puntos de recollida de sinaturas. Na nosa comarca os puntos de recollida son os seguintes:
A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana.
Reclamamos unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.
PARA QUE A INICIATIVA SAIA ADIANTE PRECISAMOS A SINATURA FÍSICA DE TODAS AS PERSOAS QUE A APOIEN. PODERASE ASINAR NOS ESTABELECEMENTOS E ASOCIACIÓNS QUE COLABORAN OU CONTACTANDO EN xabarintv@amesa.gal ou tlf 981.563.885
O Día da Nación Galega celebrouse por primeira vez en 1920, nunha convocatoria acordada durante a II Asemblea Nacionalista a fins de 1919 e que rapidamente se consolidou.
Neste 2020 fanse, xa que logo, 100 anos desa primeira xuntanza do que acabaría sendo o noso día. A grande festividade que reivindica a Galiza.
Este ano a celebración é distinta, temos que prescindir das grandes manifestacións, actos, festivais… de anos pasados a causa dun coronavirus que nos obriga a evitar os actos masivos. Pero o espírito do que se celebra segue en nós.
Dende Eira Vella sumámonos a esta conmemoración, como xa fixeramos, por exemplo, na Xanela do 1994 (como aparece recollido no que foi o último número da revista)”.
Este 17 de maio não poderá ser comemorado como gostaríamos, aínda em estado de alerta sanitaria. Mas não devemos esquecer o dia nin o seu significado, especialmente em um ano dedicado a uma pessoa tão importante para o galego como Carvalho Calero.
Queremos expressar o nosso apoio às muitas iniciativas que estão sendo desenvolvidas para comemorar este dia. Entre eles, podemos citar o recital do NPG Nova Poesía Guitirica, que será exibido no facebook do grupo diretamente às 20:00 do domingo, 17 de maio, e que contará com a participação de várias / as betanceiras / os.
E também às iniciativas do Orgullo Galego para fazer tendência o tweet #eufalogalego e de Queremos galego com o lema “Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión” e os tweets #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego
Links: Recital de NPG: https://www.facebook.com/events/567802190542090/?notif_t=plan_user_invited¬if_id=1589060824554864
Orgullo galego: https://www.facebook.com/orgullosergalego/photos/a.590007957827142/1469013453259917/?type=3&theater
Queremos galego:https://www.queremosgalego.gal
Este ano dende a AC Eira Vella non podemos celebrar presencialmente a ofrenda ás víctimas betanceiras do golpe de estado de 1936 diante da placa que lembra os seus nomes, pero si o celebramos no corazón e na memoria.
Aproveitamos este espazo virtual para recordalos tirando do noso arquivo e agardamos que o próximo 14 de abril poidamos volver a honralos con flores e poemas.
Viva a República!
A Asociación Cultural Eira Vella manifesta o seu apoio ao acto central
convocado por “Galegas8M” en Verín o día 1 de marzo de 2020 e aos que
organiza o Colectivo Feminista das Mariñas en Betanzos na semana do 1 ao
8 de marzo e que rematarán cunha concentración o día 8 de marzo ás 12
horas no palco de música
Segue todas as convocatorias en Galiza na seguinte ligazón.
Máis información en Galegas 8M e no Facebook do colectivo feminista das Mariñas