Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2023

Rosalía na nosa voz, Día de Rosalía AC Eira Vella 2023

Con Rosalía na nosa voz, a AC Eira Vella recupera o tradicional recital dos poemas da poeta galega que viña organizando anualmente para conmemorar o seu nacemento.

Nesta ocasión, o acto terá lugar o venres, 24 de febreiro de 2023, ás 19:30 horas na sala Azul do Edificio Arquivo.

Na homenaxe a Rosalía, Eira Vella conta coa colaboración de BAM Betanzos (Biblioteca municipal Castelao, Arquivo municipal de Betanzos e Museo das Mariñas) e do Concello de Betanzos.

Presentación

Ricardo Seixo presenta os seus poemarios en Betanzos

Este vindeiro 31 de marzo ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, Ricardo Seixo, acompañado do grupo de música tradicional Maraxe e do colectivo Gosto de vivir a poesía, presentará os seus poemarios Sinais, Na república da intimidade e Coa luz negada.

Ricardo Seixo

Image 1 of 8

Ricardo Seixo, mestre en diversas localidades de Galiza e actualmente xubilado (en activo), formou parte de diferentes grupos de música tradicional, e hoxe coas súas fillas Sonia e Noa, anda a tecer novos textos en vellas melodías a través de Maraxe. Ademais traballa no activismo social a través da Asociación veciñal Agra, na que coordina actividades relacionadas con mundo da música e da literatura galegas, como “Polo gosto de cantar” e “Gosto de vivir a poesía”, e tamén colabora coa Fundación Eira da Xoana coordinando un obradoiro de canto tradicional.

Ademais dos poemarios que se presentarán o xoves, é autor de Ollares (2016) e Versos noctámbulos (2018).

Homenaxe

Día de Rosalía 2021

Este 24 de febreiro de 2021 no que as celebracións do Día de Rosalía son un pouco diferentes queremos recordar que Eira Vella publicou en 2012, para conmemorar os 175 anos do nacemento de Rosalía, un folleto que recolle en edición facsímile Contos da miña terra, publicación editada en Ferrol no ano 1868 polo periódico “El Eco Ferrolano” en folletín coleccionábel e que era descoñecida até ese momento, mesmo polos especialistas na obra rosaliana, ao non existir coleccións do periódico.  

En realidade trátase dun único conto, aínda que o título indica que serían máis que, ou ben non chegaron a existir ou ben non se coñece máis que este primeiro dunha serie, numerado como I. O facsímile complétase cun  pequeno estudo introdutorio de Xesús Torres Regueiro, “O conto galego de Rosalía. Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868”. A importancia deste achádego está en que, tratándose da única creación de Rosalía en prosa galega, tíñase por póstuma e, máis recentemente, mesmo se cuestionou a súa autoría, cousas ambas que quedan definitivamente aclaradas con esta publicación.

Doutra banda, un ano máis queremos tamén expresar dende aquí a nosa adhesión ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021 e celebrar á autora lembrando os seus versos.