O vindeiro 14 de abril a A.C. Eira Vella presentará o libro “Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano” do avogado e republicano betanceiro Luis A. Cortiñas Díaz falecido na Arxentina en 1986. O acto terá lugar ás oito e media da tarde na sala Azul do edificio Arquivo.
O autor, nado en Betanzos en 1900, era fillo do farmacéutico Ricardo Cortiñas instalado na céntrica Praza do Campo nunha casa que foi embargada polo réxime franquista. Luis formou parte e presidiu a Irmandade da Fala de Betanzos, posteriormente foi membro da O.R.G.A., logo integrada en Izquierda Republicana. Licenciado en Dereito, exerceu a avogacía en Betanzos e na Coruña. Preso a raíz do golpe militar en 1936, foi condenado a trinta anos de prisión e estivo cumprindo condea ata 1941 na cadea de Pamplona. Ao sair do cárcere exiliouse na Arxentina, onde tiña moita familia, revalidando e desenvolvendo a súa carreira de avogado. Alí publicou em 1958 este libro que apenas é coñecido entre nós e que agora se publica en lingua galega arrequecido cunha introducción de Xesús Torres e diverso material gráfico. Nel, o autor, fai un repaso polas penalidades que sufriu a raíz do golpe militar do 18 de xullo de 1936, co seu xuízo e prisión durante catro anos e, polo medio, vai tranzando a súa interpretación da historia de España nos últimos séculos e as impresións dos acontecementos máis recentes naqueles tráxicos momentos.