Durante o mes de setembro de 2025, entre os días 5 e 30, terá lugar na sala de exposicións Jesús Núñez do edificio Arquivo unha exposición de caricaturas do artista betanceiro Antonio Palla.

A Asociación Cultural Eira Vella organiza esta mostra, coa colaboración do Concello de Betanzos, que se poderá visitar en horarios de 10:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas de martes a venres, e de 11:30 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 horas os sábados. A inauguración da mesma terá lugar o venres 5 de setembro de 2025 ás 20:00 horas.
Antonio Palla compaxinou o seu labor docente, do que está xubilado, con diversas actividades artísticas, entre as que destaca principalmente a caricatura. Neste eido artístico traballou durante tres anos, entre 1987 e 1980, para o xornal coruñés El Ideal Gallego. Ao longo da súa vida calcula que terá realizado arredor de medio millar de caricaturas.
Palla colaborou ininterrumpidamente durante vintedous anos –entre 1979 e 2000– no pintado do globo de San Roque con viñetas humorísticas e caricaturas. Reanudou a súa colaboración en 2022 e tamén no 2024 e voltou facelo no deste ano. En total son case un centenar os cuarteróns ilustrados por el.
Outras actividades artísticas súas son os deseños para alfombras florais do Corpus Christi na vila de Ares, a realización de dous grandes murais en edificios públicos de Cesuras, carteis para as festas de San Roque e outros eventos, ilustracións para varios libros, folletos e revistas, realizacións de gravados, anagramas, emblemas de entidades, etiquetas comerciais, marcapáxinas, etc.
Participou en exposicións colectivas en Betanzos, en varias localidades de Galicia e España e en Buenos Aires. Individualmente, realizou dúas exposicións, ambas en Betanzos. En 1986 a de “Caricaturas de betanceiros” e en 1990 unha “Exposición retrospectiva”. A presente é a terceira exposición individual e chega trinta e nove anos despois da primeira.
