Angeles Dorrio acabou por converterse nun referente da música galega e nunha das máximas expoñentes do jazz e soul coruñés. Tras unha dilatada carreira polos escenarios galegos, nos que participou en diferentes proxectos como Vocal Secrets unha das súas primeiras incursións na música, pasando por apostas atrevidas e innovadoras como Vennue Connection. Nestes anos Angeles non se apartou un intre da esfera musical herculina, renovándoa a través da súa participación en distintos proxectos vocais como Gospel 3, Ejazz, ou Sisters in the House, sen deixar a un lado a súa labor docente como mestra de canto. A estas alturas xa se botaba en falta unha incursión en solitario no mundo da música e Angeles Dorrio consciente diso, deixounos este agasallo que podemos levarnos á casa, sen ter que limitarnos como ata o momento a repasar o seu talento revivindo as melodías mentalmente tras o final dun concerto. Ten Soul é a súa proposta. E esta chega tras un período de maduración e reflexión. Angeles ofrécenos o seu sentir musical en dez cortes, oito deles con letra en inglés, pero sen esquecer as súas orixes o galego aparece nos temas “Vello Espello” e “Eu non sei”. (X.L. Sobrino, in A Xanela nº 37)