Para máis información sobre Alejandro Viana e o libro de Roberto Mera podedes visitar a súa páxina web https://alejandroviana.gal/
Etiqueta: Alejandro Viana
Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos
O 21 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos presentarán na sala azul do Edificio Arquivo, ás 20:00 horas, o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, premio Antón Losada Diéguez no ano 2022 na categoría de Investigación e Ensaio, pola súa transcendencia na recuperación da memoria democrática. O acto contará co autor Roberto Mera e a intervención do noso compañeiro Xesús Torres, escritor e investigador.

O libro, editado por Belagua Ediciones, rescata a figura do deputado republicano Alejandro Viana, figura clave na evacuación de 17.000 refuxiados republicanos desde Francia a América tras o vencemento do golpe militar que puxo fin a II República e o inicio do réxime ditatorial e a súa represión. Ao longo das súas páxinas Roberto Mera fai un retrato dos últimos dezaseis anos de vida do seu tío bisavó, un dos nomes que quedou enterrado nos silencio imposto pola ditadura e que, como tantos outros nos últimos anos, empeza a recuperar o seu lugar na memoria colectiva.
A presentación desta obra enmárcase no compromiso da AC Eira Vella por ser partícipe activo en todas as iniciativas a prol da Memoria Democrática, tan necesaria nos tempos que vivimos.