Homenaxe

Lembranza do artista Jesús Núñez

No pasado mes de outubro faleceu con 96 anos o artista betanceiro Jesús Núñez e hai uns días, ao abrirse o seu testamento, soubose que deixara á cidade de Betanzos (da que era Fillo Predilecto) a súa parte na Fundación CIEC e no edificio que a alberga, así como toda a súa obra que permanecía no seu poder.

En Eira Vella queremos lembrar a súa colaboración con nós, cedéndonos desinteresadamente a reprodución de gravados seus para ilustrar as portadas de tres publicacións editadas pola asociación. Trátase dos poemarios “Vizoño”, de Maxi Rei (2006), e “Elemental”, de Gabriela Rodríguez (2007), así como da publicación que recolle en facsímile o suplemento cultural “A Xanela” que se encartaba no periódico “Betanzos y su comarca” (2018).

Betanzos medrou con el en arte e cultura.

Máis información sobre Jesús Núñez e a Fundación CIEC en http://www.jesusnunezciec.com/

Actividades, Presentación

Presentación dos poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo

A AC Eira Vella presentará en Betanzos o vindeiro 25 de xaneiro de 2024 os poemarios Pousos de Natureza e Outra volta no Rodicio de Ricardo Seixo, ilustrados por Abraham Vila. O acto terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo e o autor estará acompañado do colectivo Gosto de Vivir a Poesía e o grupo Maraxe.

Mestre case corenta anos por diferentes localidades do país, vinculado á música tradicional a través de diferentes grupos e ao activismo social na Asociación veciñal da Agra do Orzán da Coruña coa que colabora dende fai moitos anos, Ricardo Seixo manifesta que cre na forza colectiva para o cambio, ve a poesía como unha reflexión interior que se converte en libro para xerar un debate colectivo, un instrumento de crítica necesario para a evolución e revolución social cara a unha convivencia máis xusta e igualitaria. A poesía como un medio de loita por facer real a utopía.

Un claro exemplo é un dos libros que presentará este vindeiro 25 de xaneiro. Outra volta no Rodicio é un reclamo poético a un rodicio colectivo que siga a virar para vermos de facer fariña daqueles que queren seguir a nos roubar o pan, unha reivindicación que nace da resposta á contemplación da morte dos muíños de río, nun momento nas que as grandes empresas enerxéticas, coa colaboración dos gobernos, entenden que se pode privatizar o colectivo en beneficio propio.

Agardámosvos!