Categoría: Sen clasificar
…Este venres presentamos o número 34 de A Xanela!
Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) formou parte do movimento da Nova Canción Galega e de Voces Ceibes nos últimos anos da ditadura franquista, loitando dende a resistencia cultural.
Ligado nos seus comezos musicais a Cataluña, onde realizou os estudos, alí entra en contacto com membros da Nova Cançó e con Paco Ibáñez, participando en festivais pola península e por Franza. En Barcelona grava co selo Edigsa/Xistral dous discos de curta duración: “Miro canta as súas canciós” e “Cantigas de escarnho e maldizer”.
De volta en Galiza, en 1977 sae o seu disco “Ti Galiza” e ao ano seguinte “Treboada”, ambos LP´s de longa duración.
En 1979 intégrase no grupo Doa, sacando en 1981 o disco “O son da estrela escura”, de música popular e medieval.
Despois dun longo silenzo de vinte anos, volve editar un disco no ano 2004: “Orvallo”, con doce canzóns, dende os cancioneiros medievais a autores contemporáneos, pasando por Rosalía.
Reapareceu en 2002 nun concerto en Guitiriz nun festival de Nunca Máis, e dende entón, non deixou de aportar a súa voz e a súa música en diversos actos e iniciativas en defensa da lingua, a cultura e o país. Con nós xa estivo cando a presentación da Xanela nº 19, na primavera do 2005, na presentación do libro de poemas de Mero en outubro do pasado ano e volta a estar connosco na presentación desta Xanela nº 34.