Homenaxe

Lembrando a Xulio

xulio-homenaxe
O pasado 22 de xullo faleceu aos oitenta e sete anos o amigo Xulio Cuns Lousa, quen fora un dos fundadores e secretario e vocal nos primeiros anos da Asociación Cultural Eira Vella.
Xulio Cuns, nado en Betanzos en 1926, traballou toda a súa vida no eido da cultura (escritor, tradutor, conferencista, xornalista, actor, guitarrista…) e colaborado con diferentes asociacións, entidades e medios da localidade (Agrupación Cultural Candilejas, Coral Polifónica, Asociación Cultural Eira Vella, Grupo de teatro Luzada, Trío Evocación, Agrupación Teatral Mariñán, El Eco de las Mariñas, Betanzos e a súa Comarca, Programa de Festas de San Roque, Radio Betanzos, A Xanela, Anuario Brigantino…).
Traballou con diversas xeracións de betanceiras e betanceiros relacionadas coa actividade cultural, servindo de ponte xeracional entre persoas e entidades da súa xuventude e outras que se incorporaron nos anos da súa madurez, xa na etapa democrática e con outras espectativas e posibilidades, nas que o cultivo do galego foi esencial e ao que el contribuiu con dedicación e xenerosidade.
É autor dos libros de relatos “O que non quedou no protocolo”, “O Velorio do Tío Chinto” e “Así foi… e seguirá sendo”. Obras teatrais súas son “O esmoleiro” e “Alter ego” que foron estreadas e representadas pola Agrupación Teatral Mariñán. Tamén é co-autor dos libros “Alcumes recollidos en Betanzos” e “Orquestras populares das Mariñas”. No Anuario Brigantino publicou tamén interesantes traballos, entre os que destaca o que dedicou á historia da Banda municipal de Betanzos. Realizou traducións de Tagore, Casona, Martin du Gard e Strindberg á lingua galega.
Coa saúde xa deteriorada, Eira Vella dedicoulle unha gran homenaxe cun encontro artístico literario e unha exposición bio-bibliográfica en outubro de 2010. E na primavera de 2011 foi o Concello de Betanzos quen lle rendiu homenaxe nomeándoo “fillo predilecto” e dándolle o seu nome á aula de cultura municipal.

Ata sempre Xulio e grazas por todo o que nos deches!

Actividades, Homenaxe

OFRENDA Á VÍTIMAS BETANCEIRAS

A Asociación Cultural Eira Vella organiza este domingo 14 de abril, aniversario da II República, unha ofrenda as vítimas betanceiras da represión franquista de 1936-1939 diante da placa que esta entidade colocou en 2007 na entrada ao Museo das Mariñas, réplica da existente no Centro Betanzos de Buenos Aires e que recolle os nomes de trinta e tres vítimas.

O acto literario-musical terá lugar ás 12 da mañá e enmárcase nas Xornadas da Memoria que esta entidade veu desenvolvendo nos pasados días con proxeccións cinematográficas e a el están especialmente convidados os familiares das vítimas.