O vindeiro 14 de abril de 2026, ás 19:00 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda floral diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras do franquismo.
Este ano ademáis completará a efeméride o Faladoiro Pazo de Meirás. Patrimonio do Estado que terá lugar ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo, a cargo de Carlos Babío Urkide, autor, xunto con Manuel Pérez Lorenzo, do libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio.
Agardámosvos un ano máis para que a memoria democrática siga viva.
O Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a homenaxe a Rosalía de Castro na conmemoración anual do seu nacemento, este ano baixo o lema “Unha voz eterna“. O acto terá lugar o venres 27 de febreiro de 2026 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 18:30 horas.
Na homenaxe deste ano contaremos coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada e a Asociación Lar de Unta.
Durante o acto lerase o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2026 redactado nesta ocasión por Eva Veiga baixo o título Mais eles tamén perdidos, que podedes ler completo na seguinte ligazón.
Ofrenda floral no Día da República no monolito da Madalena
Image 1 of 11
Sirva a presenza da placa situada na entrada do Museo das Mariñas e esta ofrenda floral que recorda ás vítimas betanceiras do franquismo para, dende a nosa Historia local, recordarnos que non debemos nin podemos mirar para outro lado perante ás vítimas das guerras e a opresión e para ter presentes a todas aquelas persoas que dende o exilio forzoso loitan cos seus testemuños únicos por manter a memoria viva, como a mantiveron os betanceiros exiliados na Arxentina.
Nestes tempos de ameaza global no que asistimos a silencios impensables, precisamos a memoria e os seus instrumentos máis visibles e vivos que nunca.
O vindeiro 14 de abril de 2025, ás 19:30 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a ofrenda floral diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras do franquismo.
O acto contará coa lectura de poemas e virá acompañado de música.
Agardámosvos un ano máis para que a memoria democrática siga viva.
Un ano máis, o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Da túa man… Rosalía“, que terá lugar o vindeiro venres 21 de febreiro de 2025 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 18:30 horas.
Na homenaxe deste ano contaremos coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e a Agrupación musical Carlos Seijo.
Durante o acto lerase o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025 redactado nesta ocasión por Marga do Val, que podedes ler completo na seguinte ligazón.
O vindeiro sábado, 30 de novembro de 2024, ás 17:00 horas, o Roteiro das Irmandades da Fala percorrerá a cidade da Coruña e os espazos nos que deixou a súa pegada. O Roteiro sairá do Instituto Eusebio da Guarda e durante hora e media lembrarase a persoeiros como Johán Vicente Viqueira, Primeiro Conselleiro da Irmandade da Coruña; Manuel Lugrís Freire, protagonista dun dos primeiros mitins en galego (1907) e autor dunha gramática na nosa lingua; Álvaro Cebreiro, figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, e autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’; María Miramontes e Ánxel Casal e o seu traballo na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré). O roteiro incluirá tamén ao Teatro Rosalía no que se fará unha pequena lembranza do teatro das Irmandades e o Rego de Auga 38, sede da Academia, onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades da man dos irmáns Vilar Ponte.
O Roteiro está organizado polas seguintes entidades: AC Alexandre Bóveda, ACLP Roxín Roxal, AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo, Lar de Unta, CPI Cruz do Sar, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, Proxecto Pesquedellas, Zona Hadal, Rede Cultural Betanzos e Bisbarra.
O pasado 22 de outubro de 2024, dentro do programa de actos de homenaxe que están tendo lugar na comarca, no centenario do pasamento de Johán Vicente Viqueira, organizouse un roteiro guiado por Xesús Torres pola finca da Quinta do Cortón e das que vos compartimos algunhas imaxes.
Homenaxe a Johán Vicente Viqueira: Visita guiada pola Quinta do Cortón
Image 1 of 13
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies