Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2025: Da túa man… Rosalía

Un ano máis, o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Da túa man… Rosalía“, que terá lugar o vindeiro venres 21 de febreiro de 2025 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 18:30 horas.

Na homenaxe deste ano contaremos coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e a Agrupación musical Carlos Seijo.

Durante o acto lerase o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025 redactado nesta ocasión por Marga do Val, que podedes ler completo na seguinte ligazón.

#_rdc2025 #SaudeeTerra!

Agardámosvos!

Actividades

Mohamed Safa: Ocupación e xenocidio en Palestina

O venres 31 de xaneiro de 2025 ás 20:00 horas no Salón Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, contaremos con Mohamed Safa para falar sobre a ocupación e o xenocidio en Palestina.

Mohamed Safa, licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e especializado en Oftalmoloxía en Oviedo, leva facendo boa parte da súa vida na Galiza pero sen abandonar nunca o seu activismo en favor da loita polos dereitos do seu pobo. Neste sentido, ademais de impulsar todo tipo de iniciativas para dar visibilidade á causa palestina, é tamén autor de libros como Palestina, grito por la libertad (Do Castro, 2003), La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión (Hoja de Lata, 2017) e La segunda nakba palestina: El proceso de paz (2020).

O acto, organizado pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do Concello de Betanzos e a subvención da Deputación da Coruña, contará tamén coa música solidaria de Bea a de Estrella.

Actividades

Roteiro das Irmandades da Fala en imaxes

O pasado 30 de novembro de 2024 organizouse o Roteiro das Irmandades da Fala das que vos compartimos algunhas imaxes.

Roteiro das Irmandades da Fala

Image 1 of 19

Tamén vos convidamos a visitar a galería de imaxes de El Ideal Gallego na seguinte ligazón: https://www.elidealgallego.com/albums/view/113032/ruta-as-irmandades-da-fala-organizado-alexandre-boveda

Actividades, Homenaxe

Roteiro das Irmandades da Fala

O vindeiro sábado, 30 de novembro de 2024, ás 17:00 horas, o Roteiro das Irmandades da Fala percorrerá a cidade da Coruña e os espazos nos que deixou a súa pegada. O Roteiro sairá do Instituto Eusebio da Guarda e durante hora e media lembrarase a persoeiros como Johán Vicente Viqueira, Primeiro Conselleiro da Irmandade da Coruña; Manuel Lugrís Freire, protagonista dun dos primeiros mitins en galego (1907) e autor dunha gramática na nosa lingua; Álvaro Cebreiro, figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, e autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’; María Miramontes e Ánxel Casal e o seu traballo na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré). O roteiro incluirá tamén ao Teatro Rosalía no que se fará unha pequena lembranza do teatro das Irmandades e o Rego de Auga 38, sede da Academia, onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades da man dos irmáns Vilar Ponte.

O Roteiro está organizado polas seguintes entidades: AC Alexandre Bóveda, ACLP Roxín Roxal, AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo, Lar de Unta, CPI Cruz do Sar, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, Proxecto Pesquedellas, Zona Hadal, Rede Cultural Betanzos e Bisbarra.

Non é necesaria a inscrición e pódese consultar toda a información na seguinte ligazón: https://acalexandreboveda.gal/event/roteiro-das-irmandades/

Esperámosvos!

Actividades, Homenaxe, imaxes

Visita guiada Quinta do Cortón en imaxes

O pasado 22 de outubro de 2024, dentro do programa de actos de homenaxe que están tendo lugar na comarca, no centenario do pasamento de Johán Vicente Viqueira, organizouse un roteiro guiado por Xesús Torres pola finca da Quinta do Cortón e das que vos compartimos algunhas imaxes.

Homenaxe a Johán Vicente Viqueira: Visita guiada pola Quinta do Cortón

Image 1 of 13

Actividades, Homenaxe

Aniversario nacemento Johán Vicente Viqueira

Aos cen anos da súa morte lembramos hoxe, 22 de outubro, o nacemento de Johán Vicente Viqueira (1886-1924), mariñán destacado no eido da cultura e das letras galegas.

As persoas interesadas na vida e obra deste ilustre bergondés poden acceder á conferencia impartida polo noso compañeiro de Eira Vella Xesús Torres no ciclo de conferencias do Anuario Brigantino en 2014, nos seguintes enlaces, xa que está repartida en tres tramos:

Actividades

Liberdade para o galego

A Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Asociación Cultural Eira Vella, en colaboración co Concello de Betanzos e a axuda da Deputación da Coruña, organizan este vindeiro venres, 18 de outubro de 2024, unha serie de actos en torno á lingua galega e a súa preocupante situación actual.

Ás 18:00 horas emitirase en liña e en directo, na canle de Youtube da ACLP Roxín Roxal, así como a través da súa conta de Facebook e Twitch (acpl_roxinroxal), o encontro Emerxencia Lingüística Extrema na que Marcos Maceira e Elsa Quintas, Presidente e Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística respectivamente, serán entrevistados por Daniel Seixo para analizar a grave situación do galego evidenciada na publicación dos últimos datos do Instituto Galego de Estadística sobre a lingua.

Ás 20:00 horas, no Salón azul Edificio Liceo Arquivo do Antigo Reino de Galicia de Betanzos, os dous entrevistados, acompañados polo profesor e escritor Miguel Rodríguez Carnota, presentarán o libro da súa autoría Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua editado por Edicións Laiovento.

O acto pecharase coa actuación musical de Tres nun zoco, con Mini, Iria e Navia Rivas.

Actividades, Xornadas Conferencias

Palestra sobre a Palestina insubmisa

O vindeiro 3 de outubro de 2024 ás 20:00 horas no Edificio Arquivo do Reino de Betanzos, a AC Eira Vella organiza a palestra sobre a Palestina insubmisa: Un ano de resistencia ante o xenocidio sinoista na que participaran Neal Baxter de Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e A. Bieito Lorenzo Penela da propia AC Eira Vella.

Desta maneira a AC Eira Vella únese ás voces que dende Galiza se alzan contra o xenocidio do pobo palestino e que se xuntarán nunha soa o vindeiro 6 de outubro ás 12:00 horas na Alameda de Compostela na manifestación nacional Galiza con Palestina organizada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina e da que se pode consultar toda a información na seguinte ligazón: https://porpalestina.org/evento/galicia-6-octubre-manifestacion-y-autobus-para-ir/.

Dende o río ata o mar, Palestina vencerá! 🇵🇸