Actividades, Presentación

Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos

O 21 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos presentarán na sala azul do Edificio Arquivo, ás 20:00 horas, o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, premio Antón Losada Diéguez no ano 2022 na categoría de Investigación e Ensaio, pola súa transcendencia na recuperación da memoria democrática. O acto contará co autor Roberto Mera e a intervención do noso compañeiro Xesús Torres, escritor e investigador.

O libro, editado por Belagua Ediciones, rescata a figura do deputado republicano Alejandro Viana, figura clave na evacuación de 17.000 refuxiados republicanos desde Francia a América tras o vencemento do golpe militar que puxo fin a II República e o inicio do réxime ditatorial e a súa represión. Ao longo das súas páxinas Roberto Mera fai un retrato dos últimos dezaseis anos de vida do seu tío bisavó, un dos nomes que quedou enterrado nos silencio imposto pola ditadura e que, como tantos outros nos últimos anos, empeza a recuperar o seu lugar na memoria colectiva.

A presentación desta obra enmárcase no compromiso da AC Eira Vella por ser partícipe activo en todas as iniciativas a prol da Memoria Democrática, tan necesaria nos tempos que vivimos.

Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2025: Da túa man… Rosalía

Un ano máis, o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Da túa man… Rosalía“, que terá lugar o vindeiro venres 21 de febreiro de 2025 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 18:30 horas.

Na homenaxe deste ano contaremos coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e a Agrupación musical Carlos Seijo.

Durante o acto lerase o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025 redactado nesta ocasión por Marga do Val, que podedes ler completo na seguinte ligazón.

#_rdc2025 #SaudeeTerra!

Agardámosvos!

Actividades

Mohamed Safa: Ocupación e xenocidio en Palestina

O venres 31 de xaneiro de 2025 ás 20:00 horas no Salón Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, contaremos con Mohamed Safa para falar sobre a ocupación e o xenocidio en Palestina.

Mohamed Safa, licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e especializado en Oftalmoloxía en Oviedo, leva facendo boa parte da súa vida na Galiza pero sen abandonar nunca o seu activismo en favor da loita polos dereitos do seu pobo. Neste sentido, ademais de impulsar todo tipo de iniciativas para dar visibilidade á causa palestina, é tamén autor de libros como Palestina, grito por la libertad (Do Castro, 2003), La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión (Hoja de Lata, 2017) e La segunda nakba palestina: El proceso de paz (2020).

O acto, organizado pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do Concello de Betanzos e a subvención da Deputación da Coruña, contará tamén coa música solidaria de Bea a de Estrella.

Actividades

Roteiro das Irmandades da Fala en imaxes

O pasado 30 de novembro de 2024 organizouse o Roteiro das Irmandades da Fala das que vos compartimos algunhas imaxes.

Roteiro das Irmandades da Fala

Image 1 of 19

Tamén vos convidamos a visitar a galería de imaxes de El Ideal Gallego na seguinte ligazón: https://www.elidealgallego.com/albums/view/113032/ruta-as-irmandades-da-fala-organizado-alexandre-boveda

Actividades, Homenaxe

Roteiro das Irmandades da Fala

O vindeiro sábado, 30 de novembro de 2024, ás 17:00 horas, o Roteiro das Irmandades da Fala percorrerá a cidade da Coruña e os espazos nos que deixou a súa pegada. O Roteiro sairá do Instituto Eusebio da Guarda e durante hora e media lembrarase a persoeiros como Johán Vicente Viqueira, Primeiro Conselleiro da Irmandade da Coruña; Manuel Lugrís Freire, protagonista dun dos primeiros mitins en galego (1907) e autor dunha gramática na nosa lingua; Álvaro Cebreiro, figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, e autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’; María Miramontes e Ánxel Casal e o seu traballo na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré). O roteiro incluirá tamén ao Teatro Rosalía no que se fará unha pequena lembranza do teatro das Irmandades e o Rego de Auga 38, sede da Academia, onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades da man dos irmáns Vilar Ponte.

O Roteiro está organizado polas seguintes entidades: AC Alexandre Bóveda, ACLP Roxín Roxal, AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo, Lar de Unta, CPI Cruz do Sar, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, Proxecto Pesquedellas, Zona Hadal, Rede Cultural Betanzos e Bisbarra.

Non é necesaria a inscrición e pódese consultar toda a información na seguinte ligazón: https://acalexandreboveda.gal/event/roteiro-das-irmandades/

Esperámosvos!

Actividades, Homenaxe, imaxes

Visita guiada Quinta do Cortón en imaxes

O pasado 22 de outubro de 2024, dentro do programa de actos de homenaxe que están tendo lugar na comarca, no centenario do pasamento de Johán Vicente Viqueira, organizouse un roteiro guiado por Xesús Torres pola finca da Quinta do Cortón e das que vos compartimos algunhas imaxes.

Homenaxe a Johán Vicente Viqueira: Visita guiada pola Quinta do Cortón

Image 1 of 13

Actividades, Homenaxe

Aniversario nacemento Johán Vicente Viqueira

Aos cen anos da súa morte lembramos hoxe, 22 de outubro, o nacemento de Johán Vicente Viqueira (1886-1924), mariñán destacado no eido da cultura e das letras galegas.

As persoas interesadas na vida e obra deste ilustre bergondés poden acceder á conferencia impartida polo noso compañeiro de Eira Vella Xesús Torres no ciclo de conferencias do Anuario Brigantino en 2014, nos seguintes enlaces, xa que está repartida en tres tramos: