Presentación

Presentación do novo libro de Lino García Salgado

O vindeiro xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo a Asociación Cultural Eira Vella contará co poeta Lino García Salgado para a presentación de Kamikaces, o seu novo poemario, publicado pola editorial Medulia.

Kamikazes defínese por unha estrutura complexa onde a musicalidade ten un compoñente esencial. Textos que transitan entre a crítica social, a ironía e unha dor que se expresa de maneira solermiña, como un regato entre as palabras.

Lino García Salgado é un dos poetas publicados na colección Xanela da poesía co seu poemario Espertar (2010). É autor tamén de Meliflua moradía (2012).

A Xanela, Letras Galegas, Publicacións

Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Corría o ano  2003 e a Asociación Cultural Eira Vella cumpría os dez anos de vida. Achegábase o outono e logo sairía unha nova Xanela, abríndose leda para amosar anacos da nosa cultura.

Nas páxinas centrais  o centenario de nacemento de tres persoeiros senlleiros:

Ánxel Fole, Álvaro Cebreiro e Florencio Delgado Gurriarán.

Nese ano, a Festa das Letras foi para Avilés de Taramancos.

De Fole recuperabamos un artigo sobre a paisaxe galega. De Florencio, “Romanzo do cabaleiro ourizo”, un dos cen mellores da nosa lingua, según Alonso Montero. De Cebreiro un anaquiño da súa vida, completado cun texto cheo de tenrura de Avilés de Taramancos, no que describe o seu estar nos derradeiros intres de vida…falan pouco…a dor non deixa…. Fermosa lembranza e un amargo sabor nos beizos…” Máis Alá, Máis Alá! Niso andamos aínda, compañeiro”, dicía Avilés.

E si, alegrámonos de que, por fin, a Academia lembre este ano, recupere a súa obra e se lle faga merecida homenaxe a un Valdeorrés que, igual q moitos outros, naquelas fatídicas datas do 36, tivo que poñer rumbo ao exilio mexicano para salvar a súa vida.

Actividades, Homenaxe

Día da República 2022

Actividades, Homenaxe

Día da República: homenaxe ás vítimas da represión e proxección de A Illa de Chelo

O día 13 de abril de 2022, a Asociación Cultura Eira Vella manterá viva a memoria das vítimas da represión franquista coa súa habitual homenaxe diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras. A homenaxe terá lugar as 19:30 horas no lugar sinalado.

Posteriormente, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica A Coruña, nun acto presentado por Emilio Vega, proxectará o documental A Illa de Chelo, dirixido por Odette Martínez-Maler e no que, partindo do asasinato dos seus pais e das súas vivencias de guerrilleira, Consuelo Rodríguez, Chelo, narra os crimes cometidos pola Lexión ao mando de Sergio Peñamaría de Llano, así como a loita heroica das guerrilleiras e guerrilleiros contra o franquismo e pola democracia.

Presentación

Ricardo Seixo presenta os seus poemarios en Betanzos

Este vindeiro 31 de marzo ás 20:00 horas na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, Ricardo Seixo, acompañado do grupo de música tradicional Maraxe e do colectivo Gosto de vivir a poesía, presentará os seus poemarios Sinais, Na república da intimidade e Coa luz negada.

Ricardo Seixo

Image 1 of 8

Ricardo Seixo, mestre en diversas localidades de Galiza e actualmente xubilado (en activo), formou parte de diferentes grupos de música tradicional, e hoxe coas súas fillas Sonia e Noa, anda a tecer novos textos en vellas melodías a través de Maraxe. Ademais traballa no activismo social a través da Asociación veciñal Agra, na que coordina actividades relacionadas con mundo da música e da literatura galegas, como “Polo gosto de cantar” e “Gosto de vivir a poesía”, e tamén colabora coa Fundación Eira da Xoana coordinando un obradoiro de canto tradicional.

Ademais dos poemarios que se presentarán o xoves, é autor de Ollares (2016) e Versos noctámbulos (2018).

Homenaxe

Día de Rosalía 2021

Este 24 de febreiro de 2021 no que as celebracións do Día de Rosalía son un pouco diferentes queremos recordar que Eira Vella publicou en 2012, para conmemorar os 175 anos do nacemento de Rosalía, un folleto que recolle en edición facsímile Contos da miña terra, publicación editada en Ferrol no ano 1868 polo periódico “El Eco Ferrolano” en folletín coleccionábel e que era descoñecida até ese momento, mesmo polos especialistas na obra rosaliana, ao non existir coleccións do periódico.  

En realidade trátase dun único conto, aínda que o título indica que serían máis que, ou ben non chegaron a existir ou ben non se coñece máis que este primeiro dunha serie, numerado como I. O facsímile complétase cun  pequeno estudo introdutorio de Xesús Torres Regueiro, “O conto galego de Rosalía. Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868”. A importancia deste achádego está en que, tratándose da única creación de Rosalía en prosa galega, tíñase por póstuma e, máis recentemente, mesmo se cuestionou a súa autoría, cousas ambas que quedan definitivamente aclaradas con esta publicación.

Doutra banda, un ano máis queremos tamén expresar dende aquí a nosa adhesión ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021 e celebrar á autora lembrando os seus versos.