O pasado sábado 23 de outubro tivo lugar unha emocionante homenaxe a un dos persoeiros mais destacados do mundo cultural brigantino, Xulio Cuns.
O auditorio do Liceo encheuse de amigos, compañeiros, coñecidos e veciños que quixeron acompañar ó homenaxenado neste día. O acto estivo conducido por Xesús Torres quen comezaba “Xulio! Isto vai por ti, porque si, porque o mereces…” para dar paso a outras intervencións, a modo de percorrido polas diversas facetas culturais ás que Xulio adicou parte do seu tempo.
“O caso é que algúns amigos e amigas queriamosche facer un regalo, un agasallo de cumpreanos. E aquí estamos!
Uns tráenche a palabra, oral ou escrita, outros a verba e o xesto dramatizado, e outros a música.
Todo iso foi o que fixeches ti durante toda a vida: ofrecernos a palabra (unhas veces espida e outras recollida en libros, en publicacións, en periódicos e revistas), ofrecernos a verba e o xesto dramatizado, ofrecernos a música da túa guitarra.
Tamén nos ofreciches a túa memoria prodixiosa para evocarnos xentes, viciños, personaxes peculiares, feitos do noso Betanzos que doutro xeito se terían perdido”.
No acto interviron Carlos Álvarez, compañeiro seu de Candilejas, Gabriela Rodríguez e Mariña Longueira, lembrando o seu traballo como narrador, e Olaia, rememorando a súa laboura como tradutor. A presencia de Xulio na vida cultural betanceira é sólida e abrangue diferentes xeracións. O escritor Xabier López López interviu adicándolle emotivas verbas, e Maxi Rei enviou un fermoso poema adicado e que foi lido polo presentador. Emotivas e agarimosas foron as palabras de Xose María Veiga, con quen realizou varios traballos.Tamén quixeron adicarlle a Xulio unhas verbas Pachico e Alfredo Erias, subliñando a súa importancia na actividade cultural de Betanzos.
O apartado musical estivo representado pola actuación do seu fillo Xulio e Álvaro Muras, cunha homenaxe de ritmo e sentimento de corda e percusión. Recordando a sú laboura na esfera teatral como actor e autor interveu Daniel Martínez, como fundador da agrupación Mariñán. Outros compañeiros como son Olga Patiño, Manuel Basoa e Juan Vázquez, representaron o último acto do Testamento do Tío Lelé.
Como lembranza do acto a Asociación Eira Vella fíxolle entrega dunha escultura conmemorativa do mundo das letras, do teatro e da música, obra de Luis Otero.
E por último, a Banda Municipal de Música que estivo presente neste día, para agarimar co seu son a Xulio e por o broche final a este acto.