Actividades, Homenaxe

Eira Vella celebrou a ofrenda ás vítimas de 1936

A A.C. Eira Vella celebrou o pasado 14 de abril, conmemoración da proclamación da II República, a ofrenda que ven realizando dende 2007 en lembranza das vítimas betanceiras do golpe militar do 18 de xullo de 1936 diante da placa colocada na súa lembranza á entrada do Museo das Mariñas.

Esta ofrenda é a primeira tamén que se realiza despois da aprobación polo Parlamento español da Lei de Memoria Democrática (publicada no BOE de 20 de octubre) que sustitúe a de 2007. Neste sentido, o representante de Eira Vella que presentou a ofrenda lembrou que seis meses despois da aprobación desta lei o Concello de Betanzos non adoptou aínda nin anunciou ou apoiou ningunha iniciativa nese sentido para o seu cumprimento.

Segundo o especialista Manuel Monge, autor do libro “Os restos do Franquismo en Galiza,  quen participou nun acto organizado por Eira Vella a principios de marzo, aludindo á simboloxía franquista que queda por retirar en Betanzos, cifrábaa en 16 casos, entre placas, nomes de rúas e distincións honoríficas outorgadas a persoas vencelladas á Ditadura. Entre estes, está o da rúa onde se celebra anualmente a ofrenda, dedicada a unha persoa que foi presidente da Deputación coruñesa dende 1939 a 1950 (os anos máis duros do franquismo), morrendo no exercicio do cargo, e ademais Procurador nas Cortes Franquistas entre 1946 e 1949. Eira Vella manifestou o desexo de que en vindeiras ofrendas a rúa ostente un novo nome máis acorde cos tempos democráticos que vivimos.

Na ofrenda floral, poética e musical participaron diversas persoas lendo textos e poemas e interpretáronse o himno de Riego e a marcha do Antigo Reino de Galiza. Deixámosvos aquí algunhas imaxes do acto.

Ofrenda-Floral

Image 10 of 10