Actividades

Proxección do filme Julia de Jacobo Lagüela Castro

O 28 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e BAM Betanzos, coa colaboración do Concello de Betanzos proxectarán no cine Alfonsetti, ás 20:00 horas, o filme Julia, do director chairego Jacobo Lagüela Castro.

Con ritmo pausado, o director, emigrado en Bristol, gravou ao longo de oito anos durante as súas visitas á casa familiar en Vilalba (Lugo) á súa avoa Julia, unha muller de 87 anos, para ofrecer un testemuño directo e íntimo da vida dunha muller do rural que asiste a extinción de todo un mundo. O filme, que recibiu o Premio do Público e o Premio do Xurado na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo e participou na Sección oficial do Festival de Cine de Ourense e noutros festivais internacionais, percorre momentos da vida familiar e da veciñanza reivindicando o traballo da muller labrega e a ollada necesaria cara ás raíces.

A proxección contará coa presenza de Jacobo Lagüela Castro que compartirá a súa experiencia no coloquio que acompañará ao filme e no que vos convidamos a participar.