Proxección do filme Julia. Fotografía da autoría de Marcos Rodríguez
Image 1 of 24
Reportaxe completa da proxección de Julia na páxina web do fotógrafo Marcos Rodríguez, ao que agradecemos a súa presenza e a súa visión única do evento:
O 28 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e BAM Betanzos, coa colaboración do Concello de Betanzos proxectarán no cine Alfonsetti, ás 20:00 horas, o filme Julia, do director chairego Jacobo Lagüela Castro.
Con ritmo pausado, o director, emigrado en Bristol, gravou ao longo de oito anos durante as súas visitas á casa familiar en Vilalba (Lugo) á súa avoa Julia, unha muller de 87 anos, para ofrecer un testemuño directo e íntimo da vida dunha muller do rural que asiste a extinción de todo un mundo. O filme, que recibiu o Premio do Público e o Premio do Xurado na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo e participou na Sección oficial do Festival de Cine de Ourense e noutros festivais internacionais, percorre momentos da vida familiar e da veciñanza reivindicando o traballo da muller labrega e a ollada necesaria cara ás raíces.
A proxección contará coa presenza de Jacobo Lagüela Castro que compartirá a súa experiencia no coloquio que acompañará ao filme e no que vos convidamos a participar.
O 21 de marzo de 2025 a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos presentarán na sala azul do Edificio Arquivo, ás 20:00 horas, o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos,premio Antón Losada Diéguez no ano 2022 na categoría de Investigación e Ensaio, pola súa transcendencia na recuperación da memoria democrática. O acto contará co autor Roberto Mera e a intervención do noso compañeiro Xesús Torres, escritor e investigador.
O libro, editado por Belagua Ediciones, rescata a figura do deputado republicano Alejandro Viana, figura clave na evacuación de 17.000 refuxiados republicanos desde Francia a América tras o vencemento do golpe militar que puxo fin a II República e o inicio do réxime ditatorial e a súa represión. Ao longo das súas páxinas Roberto Mera fai un retrato dos últimos dezaseis anos de vida do seu tío bisavó, un dos nomes que quedou enterrado nos silencio imposto pola ditadura e que, como tantos outros nos últimos anos, empeza a recuperar o seu lugar na memoria colectiva.
A presentación desta obra enmárcase no compromiso da AC Eira Vella por ser partícipe activo en todas as iniciativas a prol da Memoria Democrática, tan necesaria nos tempos que vivimos.
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies