Este 24 de febreiro de 2021 no que as celebracións do Día de Rosalía son un pouco diferentes queremos recordar que Eira Vella publicou en 2012, para conmemorar os 175 anos do nacemento de Rosalía, un folleto que recolle en edición facsímile Contos da miña terra, publicación editada en Ferrol no ano 1868 polo periódico “El Eco Ferrolano” en folletín coleccionábel e que era descoñecida até ese momento, mesmo polos especialistas na obra rosaliana, ao non existir coleccións do periódico.
En realidade trátase dun único conto, aínda que o título indica que serían máis que, ou ben non chegaron a existir ou ben non se coñece máis que este primeiro dunha serie, numerado como I. O facsímile complétase cun pequeno estudo introdutorio de Xesús Torres Regueiro, “O conto galego de Rosalía. Unha edición ferrolá asinada pola autora en 1868”. A importancia deste achádego está en que, tratándose da única creación de Rosalía en prosa galega, tíñase por póstuma e, máis recentemente, mesmo se cuestionou a súa autoría, cousas ambas que quedan definitivamente aclaradas con esta publicación.
Doutra banda, un ano máis queremos tamén expresar dende aquí a nosa adhesión ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021 e celebrar á autora lembrando os seus versos.