Blog

Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2020

Un ano máis a AC Eira Vella e o Concello de Betanzos organizan o acto central en torno ao Día de Rosalía, no que se conmemora o nacemento da autora.

O venres, 28 de febreiro, ás 19:30 horas na Aula Municipal de Cultura, Mariña Erias e Javier Crespo conducirán o acto de homenaxe á poeta no que participará o alumnado dos centros de ensinanza da cidade, o Coro de Coirós, a Asociación Lar de Unta e o Grupo de Azougue da Escola Municipal de Folclore.

A Xanela, Xornadas Conferencias

Xornadas da Historia 800 anos

Durante tres días a AC Eira Vella organiza as xornadas da historia co gallo do 800 aniversario da fundación de Betanzos. O ciclo de conferencias iniciarase coa ponencia “Betanzos a comezos do século XIII” de Xesús Torres o martes, 10 de decembro, e incluirá a proxección do documental “O Reino suevo de Galicia” o mércores, 11 de decembro. O ciclo finalizará o xoves, 12 de decembro, con Anselmo López Carreira cunha conferencia co título “Nacemento, vida e morte do Reino de Galicia”.


Actividades, Publicacións

Presentación do libro «Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego»

O 6 de abril de 2018 preséntase o novo libro editado pola AC Eira Vella: «Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego», de Manuel B. Dans. No volume, a través de 37 entrevistas con neofalantes, constrúese un relato no que se investiga as razóns ocultas detrás da decisión de cambiar de idioma e o que significa contraatacar contra a invasión do castelá. O autor, tamén neofalante, inclúe opinións de neofalantes doutros países

Actividades, Presentación, Publicacións

Presentación do libro «Patrimonio da comarca das Mariñas»

O 25 de maio tivo lugar a presentación do libro «Patrimonio da Comarca das Mariñas», de Xosé María Veiga Ferreira e Juan Sobrino Ceballos. A presentación correu a cargo de Xesús Torres e Alfredo Erias, intervindo tamén Xosé María Veiga quen realizou unha proxección de imaxes sobre o patrimonio comarcal. O libro, editado por Eira Vella, recolle artigos publicados na revista A Xanela, na sección «O noso Patrimonio» entre os anos 1994 e 2016

Actividades, Presentación

Presentación do libro «As Irmandades da Fala

O xoves 11 de maio presentouse o libro «As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX», de autoría colectiva, editado por Edicións Laiovento. O acto contou coas intervencións de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, coordinador da publicación e autor dun dos traballos, e Xesús Torres Regueiro, autor dun dos traballos que versa sobre a Irmandade da Fala de Betanzos. Este fixo unha exposición documentada sobre a historia da Irmandade local

Actividades

Proxección de «As silenciadas

O 27 de abril Eira Vella fíxose á proxección do documental «As silenciadas», historias de mulleres represaliadas na posguerra, dirixido por Pablo Ces e con guión do propio Ces e Aurora Marco. Precisamente esta estivo presente no acto explicando o traballo de investigación realizado e reunido nun libro da súa autoría, do que o documental recolle seis historias, e reivindicando o papel das mulleres na guerrilla e na resistencia ao franquismo. Estreada en 2011, a película obtivo premiose galardóns en varios festivais, entre eles o de Santa Coloma de Gramanet de 2011, ademais de recibir en 2012 o Premio Mestre Mateo ao mellor documental.

Actividades, Homenaxe

Homenaxe a Rosalía 2017

Un ano máis Eira Vella organiza, coa área de normalización lingüística do Concello de Betanzos, a homenaxe a Rosalía Castro o 24 de febreiro na aula de cultura «Xulio Cuns». A actriz Isabel Risco presenta acto, que conta coa participación de alumnado do CEIP Vales Villamarín e do IES Francisco Aguiar, o grupo folclórico A Fuliada e diversas persoas que recitarán poemas da poeta galega. O acto pecharao a cantante e compositora compostelá Najla Sham

Presentación, Publicacións

Venres 8. Recital poético do poeta brasileiro Luciano Maia.

Screenshot_2015-12-29-01-09-53-1O vindeiro venres 8 de xaneiro terá lugar ás oito da noite na sala Azul do edificio Arquivo un recital poético do brasileiro Luciano Maia, que servirá tamén de presentación do seu novo poemario “Aldea lonxana”, editado pola Asociación Cultural Eira Vella e impreso no Brasil por desexo do próprio autor. “Aldea lonxana” inclúe “Dez poemas galegos” escritos na ortografía oficial do galego, ademais doutro medio cento de poemas en grafía portuguesa.

Luciano Maia (1949), avogado, mestre en literatura, membro da Academia Cearense de Letras e cónsul honorario Romanía en Fortaleza, é autor dunha extensa obra poética que abrangue máis dunha vintena de títulos.

Presentación

Presentación do poemario Terra Fría. xoves 19

Este xoves 19 convidámosvos ao recital de MIGUEL A. MATO FONDO, para presentar o seu poemario TERRA FRÍA.

O acto terá lugar ás 20,00h. na Sala Azul do Edificio Arquivo.

terra fría_portada

Miguel A. Mato Fondo naceu en Ponteceso no ano 1953. É profesor, escritor e crítico literario. Participou no colectivo poético “De amor e desamor” e é autor das seguintes obras:

Poesía

-O whiskey na barrica. (2004)

-Antoloxía. (2005)

-Terra fría. (2015)

Ensaio

-A mazá e a cinza. (1991)

-A escrita da terra. (1998)

-Señardade da luz (A obra poética de Manuel María). (2011)

-Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro. (2011). Narrativa -Xope de Lilaina. (2005)

Ademais ten participado en diversas obras colectivas e responsabilizado de diversas edicións.