Homenaxe

Día de Rosalía 2024

Aquí vos deixamos algunhas imaxes da Homenaxe “Rosalía, pensando en ti“, que tivo lugar o pasado 23 de febreiro de 2024 e no que participaron o alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e Colectivo feminista das Mariñas.

Rosalía, pensando en ti

Image 1 of 8

Moitas grazas a todas e todos os que nos acompañastes neste día!

Homenaxe

Día de Rosalía 2024: Pensando en ti, Rosalía

O Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella organizan a Homenaxe “Rosalía, pensando en ti“, que terá lugar o vindeiro venres 23 de febreiro de 2024 na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns, a partir das 19:00 horas.


Na homenaxe deste ano contaremos coa participación de alumnado de todos os centros de ensino de Betanzos (IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha e CEIP Francisco Vales Villamarín), así como das asociacións betanceiras Asociación Cultural A Fuliada, Asociación Lar de Unta e Colectivo feminista das Mariñas.

“Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois”. Así comeza o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024, que podedes ler completo na seguinte ligazón.

Agardámosvos!

Homenaxe

Lembranza do artista Jesús Núñez

No pasado mes de outubro faleceu con 96 anos o artista betanceiro Jesús Núñez e hai uns días, ao abrirse o seu testamento, soubose que deixara á cidade de Betanzos (da que era Fillo Predilecto) a súa parte na Fundación CIEC e no edificio que a alberga, así como toda a súa obra que permanecía no seu poder.

En Eira Vella queremos lembrar a súa colaboración con nós, cedéndonos desinteresadamente a reprodución de gravados seus para ilustrar as portadas de tres publicacións editadas pola asociación. Trátase dos poemarios “Vizoño”, de Maxi Rei (2006), e “Elemental”, de Gabriela Rodríguez (2007), así como da publicación que recolle en facsímile o suplemento cultural “A Xanela” que se encartaba no periódico “Betanzos y su comarca” (2018).

Betanzos medrou con el en arte e cultura.

Máis información sobre Jesús Núñez e a Fundación CIEC en http://www.jesusnunezciec.com/

Homenaxe

Federico García Lorca en Galiza

Tal día coma hoxe, 25 de outubro, do ano 1916, o poeta Federico García Lorca chegaba a Galiza, iniciando unha relación de amor coa nosa terra que culminou na súa obra Seis poemas galegos.

Catedral de Santiago

Image 1 of 6

Queremos lembrar esta visita coa fermosa adaptación do poema Chove en Santiago que fixo Luar na Lubre e que interpretou na mesma Praza de Quintana, xunto á Catedral de Santiago de Compostela, o 31 de xullo de 2012.

Actividades, Homenaxe

Eira Vella celebrou a ofrenda ás vítimas de 1936

A A.C. Eira Vella celebrou o pasado 14 de abril, conmemoración da proclamación da II República, a ofrenda que ven realizando dende 2007 en lembranza das vítimas betanceiras do golpe militar do 18 de xullo de 1936 diante da placa colocada na súa lembranza á entrada do Museo das Mariñas.

Esta ofrenda é a primeira tamén que se realiza despois da aprobación polo Parlamento español da Lei de Memoria Democrática (publicada no BOE de 20 de octubre) que sustitúe a de 2007. Neste sentido, o representante de Eira Vella que presentou a ofrenda lembrou que seis meses despois da aprobación desta lei o Concello de Betanzos non adoptou aínda nin anunciou ou apoiou ningunha iniciativa nese sentido para o seu cumprimento.

Segundo o especialista Manuel Monge, autor do libro “Os restos do Franquismo en Galiza,  quen participou nun acto organizado por Eira Vella a principios de marzo, aludindo á simboloxía franquista que queda por retirar en Betanzos, cifrábaa en 16 casos, entre placas, nomes de rúas e distincións honoríficas outorgadas a persoas vencelladas á Ditadura. Entre estes, está o da rúa onde se celebra anualmente a ofrenda, dedicada a unha persoa que foi presidente da Deputación coruñesa dende 1939 a 1950 (os anos máis duros do franquismo), morrendo no exercicio do cargo, e ademais Procurador nas Cortes Franquistas entre 1946 e 1949. Eira Vella manifestou o desexo de que en vindeiras ofrendas a rúa ostente un novo nome máis acorde cos tempos democráticos que vivimos.

Na ofrenda floral, poética e musical participaron diversas persoas lendo textos e poemas e interpretáronse o himno de Riego e a marcha do Antigo Reino de Galiza. Deixámosvos aquí algunhas imaxes do acto.

Himno Riego e Marcha do Antigo Reino de Galiza

Image 1 of 10

Homenaxe

Día da República: homenaxe ás vítimas da represión

O día 14 de abril de 2023, ás 19:00 horas, a Asociación Cultura Eira Vella celebrará un ano máis a homenaxe diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras da represión do 36.

Na homenaxe non faltará, como ven sendo habitual, a música e a poesía.

Agardamos a vosa presenza.

Viva a República!

Actividades, Homenaxe

Día de Rosalía 2023

Rosalía na nosa voz, Día de Rosalía AC Eira Vella 2023

Con Rosalía na nosa voz, a AC Eira Vella recupera o tradicional recital dos poemas da poeta galega que viña organizando anualmente para conmemorar o seu nacemento.

Nesta ocasión, o acto terá lugar o venres, 24 de febreiro de 2023, ás 19:30 horas na sala Azul do Edificio Arquivo.

Na homenaxe a Rosalía, Eira Vella conta coa colaboración de BAM Betanzos (Biblioteca municipal Castelao, Arquivo municipal de Betanzos e Museo das Mariñas) e do Concello de Betanzos.

Actividades, Homenaxe

Día da República 2022

Actividades, Homenaxe

Día da República: homenaxe ás vítimas da represión e proxección de A Illa de Chelo

O día 13 de abril de 2022, a Asociación Cultura Eira Vella manterá viva a memoria das vítimas da represión franquista coa súa habitual homenaxe diante da placa situada na entrada do Museo das Mariñas, reprodución da orixinal ubicada no Centro Betanzos de Bos Aires e na que se recollen os nomes das vítimas betanceiras. A homenaxe terá lugar as 19:30 horas no lugar sinalado.

Posteriormente, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica A Coruña, nun acto presentado por Emilio Vega, proxectará o documental A Illa de Chelo, dirixido por Odette Martínez-Maler e no que, partindo do asasinato dos seus pais e das súas vivencias de guerrilleira, Consuelo Rodríguez, Chelo, narra os crimes cometidos pola Lexión ao mando de Sergio Peñamaría de Llano, así como a loita heroica das guerrilleiras e guerrilleiros contra o franquismo e pola democracia.